Ascenden a 48 os falecidos polo terremoto de Aninovo no Xapón

Unha estrada partida en dúas metades en Ishikawa, Xapón, esta terza feira. (Foto: Zhang Xiaoyu / Xinhua News)
A cifra real de vítimas, porén, podería ser significativamente superior, pois moitas persoas continúan desaparecidas ou atrapadas baixo os cascallos.

O terremoto que esta segunda feira deu unha tráxica benvida ao novo ano no Xapón deixou até o momento un mínimo de 48 vítimas mortais, segundo os últimos datos achegados polas autoridades do país. A cifra real, porén, podería ser significativamente superior, pois moitas persoas continuaban esta terza feira desaparecidas ou atrapadas baixo os cascallos de máis dunha vintena de vivendas en Wajima, onde o tremor de terra viu acompañado dun forte incendio, así como noutros puntos da xeografía nipoa.

Decenas de persoas resultaron feridas nas rexións de Gifu, Toyama, Fukui, Niigata e Ishikawa, epicentro esta última do sismo de magnitude 7,6 na escala Richter que sacudiu o litoral occidental xaponés e que deixou en alerta por risco de tsunami varias cidades costeiras. O aviso foi finalmente desactivado, se ben a Axencia Meteorolóxica do Xapón chama a actuar con precaución ante posíbeis cambios no nivel do mar nos próximos días.

O Xapón non facía fronte a unha catástrofe natural semellante desde o devastador terremoto —e mais as súas réplicas— de 2011, que se saldou con máis de 15.000 vítimas mortais.

O primeiro ministro, Fumio Kishida, acordou nunha reunión urxente do seu Goberno mobilizar as forzas de seguridade e emerxencia a medida que se confirmaban os "danos a grande escala" por todo o país, incluíndo "numerosas vítimas humanas, derrubamentos de edificios e incendios". "A medida que pasa o tempo, o efecto do desastre é cada vez máis evidente", dixo, ao tempo que advertiu que "salvar vidas é unha carreira contra o reloxo".

Choque de avións en Tokio

Na madrugada desta terza feira un deses avións de salvamento mobilizados precisamente para participar dos dispositivos de busca e rescate de vítimas nunha das rexións máis afectadas, Niigata, chocou no aeroporto de Tokio contra outro avión comercial durante a aterraxe. A aeronave viuse envolta polas chamas e forzou a rápida evacuación das case 400 persoas que ían a bordo, sen lamentar ningunha morte.