Ascende a 214 o número de persoas falecidas pola DINA, 210 delas no País Valencià
As vítimas mortais polo paso da DINA no conxunto do Estado español ascenden xa a 214, a inmensa maioría no País Valencià (210), ás que se suman tres en Castela-A Mancha e unha en Andalucía. No caso manchego, a cifra actualizouse tras o achado na mañá deste domingo do corpo sen vida dunha das cinco persoas desaparecidas na localidade albaceteña de Letur, a máis afectada nesta comunidade pola DINA.
O último balance de mortes polos efectos do temporal no País Valencià presenta 210, segundo informou o Centro de Coordinación de Emerxencias da Generalitat Valenciana. Até o momento, porén, non hai unha cifra oficial de persoas desaparecidas, se ben serían centos, polo que a cifra real de vítimas podería ser moito maior.
Esta DINA é un dos desastres naturais máis graves do último século no Estado español, por diante mesmo da riada de Biescas (Huesca, Aragón) en 1996, con 87 falecidos, e a do Turia (València) en 1957, na que perderon a vida entre 80 e 100 persoas.
Malia que non está claro cal foi o desastre natural con maior número de mortos no Estados debido a que só nas últimas décadas o reconto de vítimas seguiu unha contabilidade máis precisa e fiábel que antano, o das riadas do Vallés da provincia de Barcelona, en setembro de 1962, está considerado como a maior catástrofe natural da historia recente, con entre 600 e 1.000 vítimas mortais, ademais de miles de persoas feridas e importantes perdas económicas.
En segundo lugar sitúase a tormenta na que en outubro de 1973 perderon a vida polo menos 150 persoas nas provincias de Granada, Almería, Alacant e Murcia. Foi nesta última rexión na que unhas choivas torrenciais provocaron máis danos, cun total de 89 falecidos.
Séguea o rebentón da presa de Vega de Tera, na localidade zamorana de Ribadelago, que se produciu por mor de fortes choivas torrenciais o 9 de xaneiro de 1959. Coa rotura do dique liberáronse oito millóns de metros cúbicos de auga, arrasando a vida e levando por diante a vida de 144 dos seus 523 veciños e veciñas.
A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) asegurou na cuarta feira que esta DINA é a gota fría "máis adversa" do que vai de século no País Valencià, cun impacto e rexistros superiores á DINA de setembro de 2019 e á altura dos dous grandes temporais dos anos 80, o de outubro de 1982, a pantanada de Tous que deixou polo menos 30 mortes, e o de novembro de 1987, con catro vítimas.