Paiporta, a 'zona cero' da DINA: "Hai polo menos 70 mortos e aínda atoparán máis cando accedan aos garaxes"

Persoas voluntarias axudando a limpar o concello valenciano de Paiporta, un dos máis afectados pola DINA, este sábado. (Foto: Jorge Gil / Europa Press)
"Non temos comercio, o comercio local desapareceu, está todo roto ou saqueado", advirte a rexedora, Maribel Albalat.

A alcaldesa do concello valenciano de Paiporta, Maribel Albalat, lamentou a "desesperante" situación que vive o municipio, un dos máis afectados da provincia de València por mor da DINA. Catro días despois da catastrófica riada, narra que hai zonas ás que aínda non se pode acceder: "É imposíbel porque hai corpos, hai vehículos con corpos, e teñen que levantalos. Está todo moi difícil".

A primeira edil paiportina, en declaracións á axencia Europa Press, agradeceu o maior número de efectivos de servizos de emerxencias que traballan na localidade, mais precisou que "non son suficientes" pola "difícil" situación na que se atopan. "Os que veñan serán moi ben recibidos", subliñou.

Albalat sinalou que o peor escenario é o da zona centro de Paiporta, onde até o momento non puideron entrar con maquinaria para limpar, ao ser o espazo que recibiu a maior avalancha de auga. Os efectivos de emerxencias unicamente puideron acceder a pé para atender a cidadanía afectada.

A primeira edil lembrou que aínda están inmersos en tarefas de recuperación das vítimas mortais, que superan as 70 só en Paiporta —poboación con algo menos de 30.000 habitantes—, e lamentou que "se esperan máis", xa que o persoal de emerxencias está intentando "acceder aos garaxes". Tras a recuperación dos corpos dos falecidos, do que se encarga a Unidade Militar de Emerxencias (UME), retiraranse os vehículos e distintos obxectos nas rúas, algo que xa se está a facer, pero "non en todos os barrios".

"Necesitamos que terminen cos traballos de rescate e de retirada dos cascallos para poder ter acceso a todas as vías e empezar así a normalizar" o abastecemento de víveres, explicou. A este respecto, Albalat agradece as numerosas achegas solidarias, aínda que comenta a dificultade para coordinalas coas "deficientes comunicacións" no municipio, que espera que se solucionen coa antena que están instalando.

En canto a outras subministracións, a alcaldesa celebrou que xa teñen servizo de auga potábel en toda a vilas, aínda que "con pouca potencia" polo momento, pero que xa chega a todos os domicilios. A electricidade, pola súa parte, está dispoñíbel na metade do municipio e traballan por restabelecela en toda a localidade.

Albalat relata que as inundacións do martes afectaron toda Paiporta, xa que "o barranco cruza e parte a localidade en dous e desbordou case tres metros", polo que a auga chegou a todas as plantas baixas e garaxes. "Non temos comercio, o comercio local desapareceu, está todo roto ou saqueado", lamentou a rexedora.

Por iso, ante a falta de estabelecementos como supermercados ou farmacias, o consistorio situou puntos de repartición de comida na praza Xúquer, no Auditorio e no CEIP Jaume I, así como un centro de saúde que funciona as 24 horas para doentes crónicos e urxencias. "Imos recuperando, pero día a día e a mínimos", relatou.

A riada tamén levou con ela unha pasarela do municipio, pero a alcaldesa indica que as pontes están en boas condicións e poden utilizarse, tras ser revisadas por persoal técnico.