Persoal de Emerxencias prepárase para acceder ao centro comercial de Bonaire, en València, cuxo aparcadoiro quedou anegado

Efectivos da Unidade Militar de Emerxencias, este domingo, no centro comercial Bonaire de València. (Foto: Jorge Gil / Europa Press)
"Están retirando auga e non podemos especular", afirma o ministro Ángel Víctor Torres, sobre a posibilidade de que se atopen novas vítimas neste recinto.

Polo menos 50 efectivos, catro máquinas e un caiac están a traballar este domingo para extraer toda a auga que se acumulou no aparcadoiro do centro comercial Bonaire de València tras a DINA da pasada terza feira, que provocou máis de 200 mortes só no País Valencià.

Así o asegurou este domingo o ministro de Política Territorial e Memoria Democrática, Ángel Víctor Torres, durante unha comparecencia desde a Moncloa tras a reunión do Comité de crise para o seguimento dos efectos da DINA. "Con respecto ao centro comercial de Bonaire, nestes momentos hai 50 efectivos traballando. Están retirando auga e non podemos especular", afirmou.

O ministro pediu que non se especule arredor da cifra de falecidos e falecidas que poida haber no aparcadoiro deste recinto, e insistiu en que se descoñece cantos vehículos pode haber no seu interior.

"Nestes momentos o que hai que facer é seguir cos labores [de rescate] e non temos máis información que poidamos dar de cantos vehículos ou persoas pode haber no seu interior. Deixemos que sigan traballando como o están facendo", manifestou.

Persoal da Unidade Militar de Emerxencias (UME) traballa na zona con drons e buzos. Segundo a información transcendida até o momento, nos primeiros coches inspeccionados non se atoparon vítimas.