A DINA deixa polo menos 211 mortes e un número aínda incerto de desaparicións

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, anuncia o envío de 5.000 militares máis e o despregamento doutros 5.000 policías nacionais e gardas civís ao País Valencià para sumarse aos labores de procura e rescate de vítimas da DINA.

Varias persoas limpando onte os estragos da DINA no concello valenciano de Sedavi. (Foto: Jorge Gil / Europa Press)
Varias persoas limpando onte os estragos da DINA no concello valenciano de Sedavi. (Foto: Jorge Gil / Europa Press)

A DINA que irrompeu a pasada terza feira no País Valencià, unha das maiores catástrofes naturais na historia do Estado español, segue este sábado deixando un mapa desolador na provincia de València: 211 falecidos até o momento en todo o Estado —incluíndo Castela-A Mancha e Andalucía—, segundo avanzou este sábado en rolda de prensa o presidente español, Pedro Sánchez, e unha cifra aínda inconcreta —mais numerosa— de persoas desaparecidas. Ademais, desde a noite da sexta feira restrinxiuse o acceso con vehículos privados a municipios afectados para non entorpecer os labores de emerxencias.

Nos últimos datos oficiais ofrecidos polas autoridades públicas trasladouse a cifra de 202 persoas falecidas, cuxos corpos foron recuperados para practicarlles as correspondentes autopsias. Polo momento, os médicos forenses realizaron desde a cuarta feira, e até as 21 horas desta sexta, 162 autopsias a persoas falecidas durante a DINA. Deses falecidos, 39 foron plenamente identificados grazas ás impresións dixitais.

As vítimas mortais polo paso da DINA na cidade de València ascenden a 13, case todas elas no barrio de La Torre, tras atopase na madrugada da sexta feira un novo corpo nesta pedanía. Non hai indicios de que existan máis vítimas mortais na cidade.

A respecto das persoas desaparecidas, algúns medios cifránas en ao redor de 2.000, pero o certo é que aínda non hai datos oficiais posto que se recibiron moitas chamadas no 112 alertando de desaparicións de persoas que, unha vez puideron recuperar as comunicacións, foron informando os seus familiares e contorna de que estaban ben.

Por outra parte, moitos municipios afectados polo temporal continúan este sábado inaccesíbeis, cheos de lama, con vivendas e vehículos arrasados e veciños e veciñas que non cesan en pedir axuda para que non os esquezan. Ademais, numerosas estradas seguen cortadas como consecuencia dos danos ocasionados pola DINA.

O temporal obrigou as autoridades públicas, en concreto ao Centro de Coordinación Operativo Integrado (Cecopi), a restrinxir a circulación de vehículos particulares nas vías de acceso aos municipios máis afectados pola DINA para facilitar a mobilización do persoal d.e emerxencias. As restricións están vixentes desde as 00 horas deste sábado até as 23.59 horas do domingo.

A orde acorda o cesamento con carácter transitorio da mobilidade en determinadas vías excepto para os servizos esenciais e empresas responsábeis de garantir a subministración de servizos básicos como auga, enerxía, comunicacións e distribución de alimentos. Nestas vías, restrínxese o movemento de calquera vehículo de transporte fóra da asistencia a centros, os servizos e estabelecementos sanitarios, o cumprimento de obrigacións laborais, profesionais, empresariais, institucionais ou legais ou o retorno ao lugar de residencia habitual ou familiar.

Ademais, permitirase o movemento de vehículos para asistir e coidar persoas maiores, menores, dependentes, con discapacidade ou especialmente vulnerábeis. Tamén se exceptúan as actuacións requiridas ou urxentes ante os órganos públicos xudiciais ou notariais ou aquelas de forza maior ou situación de necesidade. E, en último lugar, calquera outra actividade de análoga natureza debidamente acreditada.

Voluntariado

A outra cara da moeda da DINA é que, fronte a unha catástrofe de tal magnitude, a solidariedade excede no País Valencià. Desde a sexta feira, numerosas persoas voluntarias presentáronse, a maioría a pé, en localidades devastadas para axudar.

Esta mañá a Generalitat citara ás 7 horas os voluntarios da cidade de València na Ciutat de les Arts para, organizados, ser distribuídos en autobuses a diferentes zonas. Miles deles facían colas desde as 6.45 horas e está previsto que se distribúan en 100 autobuses ao longo de toda a xornada. A marea de solidariedade foi de tal magnitude que a Generalitat emitiu posteriormente un comunicado avisando de que xa había suficientes voluntarios para hoxe e emprazando os veciños da cidade a axudar nos próximos días.

5.000 militares máis

O president da Generalitat Valenciana, Carlos Mazón, vén de solicitar ao Centro de Coordinación Operativa Integrado (Cecopi), que se reuniu ás 10.30 horas deste sábado, que se incorporen 5.000 militares ás tarefas de emerxencia polas consecuencias do paso da DINA na provincia de València. Esta cifra sumarase aos 2.000 que xa hai nestes momentos, co que se chegará aos 7.000 efectivos do Exército. Unha petición aceptada posteriormente polo presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, quen informou tamén da mobilización doutros 5.000 axentes policiais e gardas civís.

A petición realízase unha vez que desde Emerxencias comunicaron que, tras 72 horas de "intenso traballo de diagnóstico e atención temperá", xa non existe ningún núcleo de poboación illada e os accesos son seguros "coas mensaxes de precaución que se enviaron á poboación e aos voluntarios, aos que se lles agradece a inestimábel colaboración".

O president Mazón desprazouse este sábado a diferentes municipios nos que comprobou que "xa están os camiños despexados, as pontes seguras e as bases loxísticas operativas", polo que se solicita que se despregue o Exército "en toda a súa extensión".

"Unha vez conseguimos asegurar todos os puntos loxísticos, garantir o acceso rodado por todas as vías e organizar a distribución de voluntarios, agora é seguro solicitar 5.000 militares adicionais", dixo. De igual maneira, o president condena "a pillaxe e o roubo" e solicita que se aplique "todo o peso da lei" aos responsábeis destes actos rexistrados puntualmente esta sexta feira.

Comentarios