O ministro de Medio Ambiente da República Dominicana, Orlando Jorge Mera, foi asasinado a tiros na noite desta segunda feira no seu propio despacho, segundo informan diversos medios como o xornal dominicano Acento.
O principal sospeitoso de perpetrar este magnicidio, Fausto Miguel de Jesús Cruz, foi detido e posto a disposición das autoridades policiais, que están a investigar o acontecido, afirmaron desde o Goberno. Cruz era amigo persoal do ministro desde a infancia.
Segundo apuntan as primeiras pescudas, o móbil do asasinato tería estado vencellado ao fechamento dunha fábrica extractora de agregados de cemento propiedade de Cruz, que posúe a Armería Miguel Gun Shop e a Constructora Cruz de la Mota y Asociados.
Fontes próximas ao lugar dos feitos aseguraron en declaracións a Acento que a secretaria de Jorge Mera escoitou unha "forte discusión" cando ambos os dous homes estaban reunidos na oficina ministerial, mais o titular de Medio Ambiente teríalle dito que non se preocupase porque Cruz era o seu amigo, motivo que tamén tería xustificado que a este se lle permitise acceder ao edificio estando armado.
Mera fora designado ministro de Medio Ambiente en agosto de 2020. Após acceder ao cargo dixo que a súa misión era traballar por unha "correcta xestión ambiental" e polo "cumprimento da Constitución e das leis", apegado á transparencia e á ética pública.
Abinader urxe frear esta "vaga de violencia"
O presidente da República Dominicana, Luis Abinader, dixo tras o asasinato de Mera: "É un día moi triste para todos nós, non só como funcionarios, senón como amigos. Estivemos xuntos no colexio e logo todos estes anos na vida política. Estamos abatidos".
Aliás, fixo alusión á "vaga de violencia" que axexa o país: "Creo que todos imos ter que facer toda unha campaña en contra da violencia e das armas. É unha sociedade que está a enfermar de violencia, por calquera cousa peléxase, por un accidente de tráfico, por unha discusión nun bar... O mundo ten que reaccionar".