O Congreso de EUA certifica a vitoria de Joe Biden, horas despois do asalto 'trumpista' ao Capitolio

Multitude diante do Capitolio durante o asalto (Foto: NBC)

A sesión retomouse ás 2 da madrugada (hora galega) despois de case 4 horas de caos no Capitolio. A alcaldesa de Washington DC, Muriel Bowser, informou de catro persoas mortas. Congresistas e analistas piden a "inhabilitación" de Trump por alentar un "golpe de estado".

Os catro anos de Goberno de Domald Trump teñen como broche unhas imaxes que nin sequera as distopías made in Hollywood foron quen de imaxinar nun filme: o asalto ao Capitolio de EUA por centos de manifestantes, que percorreron estancias e despachos de congresistas, facéndose selfies e proclamando que o resultado das eleccións estadunidense eran unha fraude.

O trumpismo en estado puro. Horas antes do asalto, e ante miles de simpatizantes, Trump volveu poñer en dúbida o resultado electoral e chamou a “recuperar o noso país”. Meu dito, meu feito: unha multitude de trumpistas dirixiuse ao Capitolio e, ante unha falla de seguridade que contrasta coa presenza de policías e Garda Nacional cando mobilizacións pacíficas se desenvolven fronte a ese edificio, moitos deles accederon ao edificio. Unhas imaxes que axiña deron a volta ao mundo.

 A alcaldesa de Washington DC, Muriel Bowser, informou de que catro persoas morreron como consecuencia dese asalto: unha muller por un disparo durante o asalto e outras tres persoas nas proximidades do edificio por “emerxencias médicas”.

O vicepresidente  Mike  Pence, que presidía a sesión conxunta das dúas cámaras, tivo que ser evacuado e protexido. A súa negativa para cumprir a orde de Trump para que cambiase o resultado electoral converteulle nun dos inimigos dos extremistas. Ao rexeitar os seus consignas, o presidente respondeulle cun tweet: “Mike Pence non ten a coraxe de facer o que debería facer para protexer ao noso país e a Constitución”.

Joe Biden denunciou os actos. "Non é unha protesta, é unha insurrección", apuntou. Rematou o seu discurso co recoñecíbel: "Deus bendiga América". Xusto despois falou Trump, a través das redes, pediu aos seus seguidores que regresara ao seu fogar, agradeceu o seu apoio e, tamén, seguiu sen recoñecer os resultados electorais. Twitter, nunha decisión sen precedentes, suspendeu a conta de Trump.

No medio do caos, as autoridades decretaron o toque de recoller na cidade.

Após catro horas de caos no Capitolio, e unha vez que os asaltantes 'trumpistas' abandonaron o edificio, retomouse a sesión para certificar a vitoria de Joe Biden. Todo aínda baixo a conmoción do vivido e con non poucas voces falando de que o vivido foi un intento de "golpe de estado".

Reaccións desde a Galiza

Na Galiza tamén houbo reaccións ao 'asalto'. A través das súas contas nas RRSS, a portavoz do BNG, Ana Pontón, e o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, amosaron a súa preocupación polo que estaba a acontecer.

"Moita preocupación polo que está pasando en EEUU. A crispación que impulsa a extremadereita é un perigo para a democracia, os dereitos e as liberdades. Non o esquezamos nunca", escribia a nacionalista.

"Moi preocupante. 74 millóns votaron Trump. Hoxe vemos un  gravísimo asalto ao Congreso máis que un golpe de estado. Evidénciase a tensión e crispación entre 2 américas. Manterá  Trump a crispación fronte ao presidente  Biden? Empezou  Trump a súa campaña presidencial para 2024?", poñía no seu twitter o líder socialista.