Simpatizantes de Trump asaltan o Capitolio

Miles de persoas achegadas ao partido republicano intentan facer boicot á sesión que ratificará a Biden como novo presidente dos EUA. Informacións apuntan a que xa hai, polo menos, unha persoa ferida de bala.

 

Algúns dos asaltantes do Capitolio fixeron fotografías conmemorativas. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Algúns dos asaltantes do Capitolio fixeron fotografías conmemorativas. (Foto: Nós Diario)

Miles de persoas asaltaron esta noite (a primeira hora da tarde hora local) o Capitolio para interromper a sesión na que se ía ratificar a Joe Biden como novo presidente dos Estados Unidos de América. Segundo foi transcendendo, esta acción viña auspiciada por Trump (o presidente saínte) e os comentaristas políticos falaban dun clima de "medo e destrución" que ía quedando ao paso deste tumulto.

Supostamente o republicano animou ás e aos seus simpatizantes -que se manifestaban nas rúas- a intervir no acto oficial, pois nun discurso asegurou que lle roubaran as eleccións, entre outras cuestións. Os incidentes obrigaron a paralizar o acto de votación de Biden e, ao feche desta edición, non había previsión de retomalo á vista de como estaba a evolucionar a protesta a unha verdadeira situación de crise de seguridade.

Medios internacionais fixéronse eco de imaxes e accións dentro da Cámara de Representantes que deran a volta ao mundo. Nalgunhas das primeiras fotografías podían verse pequenas columnas de fume seguramente causadas por bengalas e ás e aos congresistas agachados nas galerías, pero noutras as e os violentos elixían lugares estratéxicos para recordar a xornada coma unha anécdota.

A primeira hora da noite na Galiza, polo menos un dos protagonistas das revoltas -nas que houbo enfrontamentos coas forzas de seguridade, ás que chamaron "traidoras"- intentou chegar ás representantes da cidadanía americana cun arma.

Con independencia desa persoa detida, as últimas informacións, aínda algo confusas, tamén aludían a que se localizou a unha muller ferida de bala na zona. Segundo a CNN, a vítima estaría en "estado crítico" após recibir un disparo no peito nos terreos do Capitolio.

El Mundo indica se especulaba con que as autoridades terían chamado ás Forzas Armadas para intervir e expulsar aos violentos do edificio, mais posibelmente o Departamento de Defensa tería rexeitado esa medida, pois está dirixido por persoas moi afíns a Trump. O que si parece certo é que este, o presidente saínte, deu permiso para o despregamento despois dunha hora de disturbios.

Nese tempo gran parte da representación política, incluído o vicepresidente Mike Pence, foi evacuada para salvagardar a súa integridade ante unha violencia inusitada nas e nos asaltantes.

Despois de caldear os ánimos da xente, Trump chamou á calma a través das súas redes sociais. "Sexan pacíficos", pediu, defendendo á policía do Capitolio. No entanto, dada a confusión xa nos primeiros momentos houbo golpes polas dúas partes e os enfrontamentos continuaban ao feche desta edición.

Polo momento sábese que hai varios membros das forzas de seguridade con lesións causadas pola turba. As desfeitas na sala do pleno son masivas, con portas, fiestras e cristais rachados e a cidadanía pro Trump segue sendo unha marea nos accesos á Cámara e nas rúas do arredores.

En torno ás 16 horas nos Estados Unidos, comezou unha comparecencia de Joe Biden denunciando os actos. "Non é unha protesta, é unha insurrección", apuntou. Rematou o seu discurso co recoñecíbel: "Deus bendiga América". Xusto despois falou Trump, agradecendo o agarimo amosado pero pedindo á xente que regresara ao seu fogar.

No medio do caos, as autoridades xa tiñan decretado o toque de recoller para as 18 horas (hora dos EUA) antes da declaración oficial do novo presidente.

Comentarios