As doenzas do corazón, "moi raras" após ser vacinada con Pfizer ou Moderna

A Axencia Europea do Medicamento (EMA) conclúe a súa investigación sobre uns episodios de dúas enfermidades detectados nalgunhas persoas tratadas con estes fármacos.
Tres viais da vacina de Moderna (Foto: Isabel Infantes/Europa Press).
photo_camera Recipientes coa vacina de Moderna. (Foto: Isabel Infantes / Europa Press)

O Comité de Seguridade da Axencia Europea do Mecamento (EMA) vén de informar de que os episodios de miocardite e pericardite -doenzas do corazón- rexistrados en algunhas persoas que foron tratadas fronte á Covid-19 cos fármacos de Pfizer e Moderna poden producirse só en casos "moi raros".

Malia ser efectos secundarios de carácter moi puntual, o organismo recomendou ás farmacéuticas incluír ambas doenzas inflamatorias nas listaxes de posíbeis reaccións adversas de ambas vacinas. Os síntomas poden variar, pero a miúdo inclúen disnea, palpitacións e dor no peito.

Para chegar á súa conclusión, as e os expertos realizaron unha revisión de 145 casos de miocardite no Espazo Económico Europeo (EEE) entre persoas que recibiron o medicamento de Pfizer e 19 casos entre persoas que recibiron o da firma Moderna.

Igualmente, analizou 138 episodios de pericardite ligados á Pfizer e 19 após ser inoculada Moderna. En comparación, até o 31 de maio de 2021 administráronse ao redor de 177 millóns de doses de Pfizer e 20 millóns de doses de Moderna no EEE.

O Comité concluíu que os casos se produciron principalmente nos 14 días seguintes á vacinación, con maior frecuencia despois da segunda dose e en homes adultos novos. En cinco casos ocorridos en Europa, as persoas faleceron. Eran de idade avanzada ou tiñan enfermidades concomitantes.

Os datos dispoñíbeis suxiren que a evolución de ambas enfermidades despois da inmunización é "similar á evolución típica destas afeccións e adoita mellorar co repouso ou o tratamento".

A Axencia Europea do Medicamento resalta que os profesionais sanitarios "deben estar atentos aos signos e síntomas" de ambas patoloxías. "Deben dicir ás persoas que reciben estas vacinas que busquen atención médica inmediata se aparecen síntomas indicativos" de calquera dos dous problemas de saúde, incide.

Por outra banda, remarca que, polo momento, non se puido estabelecer unha relación causal coa miocardite ou a pericardite cos outros dous remedios autorizados, o de Janssen e o de AstraZeneca. En calquera caso, demandou datos adicionais ás empresas que comercializan estas vacinas.

Comentarios