40º ANIVERSARIO

A Arxentina lembra as vítimas do golpe de Videla con protestos na rúa

A visita do presidente dos EUA, Barack Obama, á Arxentina coincide co 40º aniversario do golpe de Estado de Rafael Videla. O pobo arxentino lembra as vítimas cunha mobilización nas rúas que se espera masiva.

Videla
photo_camera Rafael Videla, o último ditador da Arxentina

Cada 24 de marzo, a Arxentina conmemora o Día Nacional da Memoria pola Verdade e a Xustiza. E baixo este lema discorrerá esta quinta feira a mobilización do pobo arxentino con motivo do 40º aniversario do golpe de Estado que derivou na última ditadura militar no país. Buenos Aires, onde se atopa de visita Obama, acollerá o meirande protesto, que terá lugar na Praza de Maio.

Durante a mobilización, que se prevé que sexa unha das máis concorridas, pedirase a condena dos responsábeis civís e militares da ditadura e renderáselles homenaxe ás vítimas e as máis de 30.000 persoas desaparecidas.O protesto deste ano conta de maior relevancia por coincidir coa visita de Obama ao país. E é que os EUA impulsaron o golpe de Estado de Videla. Así o advertiu na cuarta feira o Nóbel arxentino Adolfo Pérez Esquivel.

A participación de Obama, unha provocación

O presidente estadounidense, recibido entre protestos por eloxiar as políticas neoliberais de Macri, participará no tributo aos caídos e desaparecidos que organiza o Goberno arxentino. As asociacións da memoria consideran a participación do presidente estadounidense neste acto como unha provocación e un despropósito do presidente arxentino. De aí que as organizacións que conmemoran as vítimas do golpe de Estado no seu 40º aniversario non vaian participar en ningún dos actos oficiais.

Vilela tomou o Goberno arxentino entre os anos 1976 e o 1981 após derrocar a presidenta María Estela Martínez de Perón e a partir de entón exerceu unha cruel ditadura que o levou a ser condenado a prisión polos numerosos crimes cometidos. Durante a súa xestión, tivo lugar unha etapa de violacións dos dereitos humanos, de secuestros, de matanzas e de desaparicións.

Comentarios