Aragonès desconxela as relacións co Estado nos primeiros 100 días

Sen renunciar nin á amnistía nin a autodeterminación, Pere Aragonès comezou o proceso de normalización das relacións co Estado para procurar unha saída política á situación en Catalunya. Amais, cando están a piques de facerse 100 días desde a súa toma de posesión, o Govern apuntala o futuro poscovid.
Aperta entre Pere Aragonès e Oriol Junqueras na investidura o 21 de maio. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)
photo_camera Aperta entre Pere Aragonès e Oriol Junqueras na investidura o 21 de maio. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)

Esta terza feira fanse 100 días desde que Pere Aragonès, de Esquerra Republicana de Catalunya, tomou posesión como 132º president da Generalitat, un tempo caracterizado polo investimento social para combater os efectos da Covid-19 e a desconxelación das relacións co Executivo estatal.

Nestes pouco máis de tres meses, o Goberno catalán impulsou distintas medidas para fomentar a reactivación socioeconómica tras controlarse paulatinamente a pandemia, como os 917 millóns de euros para subvencionar formacións e contratacións, nun programa orientado a que case 500.000 persoas atopen emprego, con especial énfase nas mulleres, persoas novas e maiores de 45 anos.

Asemade, aprobouse unha partida de 70 millóns de euros dedicada á Renda Garantida de Cidadanía, co fin de garantir que todas as persoas en Catalunya poidan pagar os gastos básicos para o “mantemento propio ou das persoas que integren a unidade familiar ou de 
convivencia”, di a norma.

Malia o avance na vacinación en Catalunya, a acción do Govern viuse freada no medio da quinta onda de Covid-19 pola decisión do Tribunal Superior de Justícia de Catalunya de non autorizar a meirande parte das propostas para estabelecer un toque de recoller nos municipios máis afectados, xerando acumulacións masivas de persoas.

Mesa de diálogo

Os indultos ás presas e presos políticos cataláns marcaron o comezo da lexislatura no Parlament. Reiterando que a solución ao conflito en Catalunya pasa pola autodeterminación e a amnistía, Aragonès recibiu de bo grado a decisión do Executivo de Pedro Sánchez, que permitiu un primeiro encontro o 7 de xuño e unha reunión o 29 dese mes.

Na semana que comeza o 13 de setembro está prevista a reunión da mesa de diálogo bilateral Catalunya-Estado, unha prioridade segundo recoñeceu Aragonès, que confirmou onte que están a acabar a negociación para a data da xuntanza, o primeiro paso na súa axenda para encetar o proceso na procura dunha saída política á situación catalá.

Catalunya defende un referendo de autodeterminación antes de 2030

“Queremos que Catalunya vote de forma recoñecida, e se vota de forma recoñecida antes de 2030 serán os primeiros Xogos nos que participaremos baixo a nosa bandeira”, sostivo onte o president de Catalunya, en referencia á candidatura de Pirineus-Barcelona para organizar en 2030 os Xogos Olímpicos de Inverno. Nunha entrevista en TV3, Aragonès apuntou que agarda que antes desa data o pobo catalán puidera ter votado para converterse nun Estado soberano.

Nese sentido, a presidenta da Assemblea Nacional Catalana, Elisenda Paluzie, advertiu hai uns días que “o conflito seguirá vivo e terá custes máis ou menos asumíbeis, tanto para o Estado español como para Catalunya”. "Non haberá estabilidade" mentres non se respecte a autodeterminación, mantivo.

Comentarios