Aragón xa ten un decreto-lei para abaratar a enerxía
O Consello de Goberno de Aragón aprobou esta segunda feira o decreto-lei para promover o consumo enerxético de proximidade aproveitando a “oportunidade” que supón a expansión das plantas solares e eólicas e ser “panca” de atracción de novas inversión, especialmente de empresas electrointensivas.
Aragón dá así o primeiro paso para alcanzar o seu obxectivo de dispor dun sistema enerxético propio que lle permita ter a enerxía máis barata do Estado e gañar así en competitividade grazas a ser “unha potencia en enerxías renovábeis”.
Na rolda posterior á xuntanza extraordinaria do Consello de Goberno na que se aprobou o decreto-lei, o vicepresidente e conselleiro de Industria, Arturo Aliaga, insistiu na necesidade de canalizar “o inmenso potencial” que ten Aragón en enerxías renovábeis.
Aliaga manifestou que o texto, que se publicou esta terza feira no Boletín Oficial de Aragón, dá apoio xurídico a todas as comunidades enerxéticas para axilizar os procesos administrativos. “Imos reforzar a capacidade para utilizar máis o consumo de proximidade, o autoconsumo”, afirmou.
Na Galiza
Este anuncio por parte do Goberno aragonés contrasta co posicionamento do Executivo galego, que se ten negado en numerosas ocasións á creación dunha tarifa eléctrica galega, como teñen reclamado o BNG (tanto no Parlamento galego como no Congreso) e a CIG.
A propia vicepresidenta terceira e ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribeira, abriu a porta á posibilidade de que o prezo da electricidade sexa máis baixo naqueles territorios que máis contribúen a xerala por medio de renovábeis, unha afirmación na que se incluiría a Galiza.
Seguindo a estela de Aragón, o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, chegou a afirmar que a Galiza “tamén tería que ter compensacións” pola produción de enerxía eléctrica con renovábeis. Non obstante, o Executivo galego aínda non largou corda ao respecto.