Cabodano do ditador fóra do Val dos Caídos

A apoloxía do fascismo avanza impune

20 de novembro de 1975 morría Francisco Franco. Atado e ben atado quixo deixar o ditador o futuro do Estado nomeando Juan Carlos I de Borbón como herdeiro e blindando a elite franquista nos altos mandos dos estamentos do Estado. 
 
Franquismo sen Franco
photo_camera O féretro de Franco abandona a Basílica do Val portado a ombreiros da súa familia (Pool)

Por primeira vez, o Val dos Caídos vive o aniversario da morte do ditador sen que o seu corpo repouse neste mausoleo do horror mandado construír polo propio Franco para a exaltación da súa figura e da vitoria fascista na Guerra Civil. 

Após meses de anuncios e esperas, o Executivo de Pedro Sánchez exhumou Franco en plena precamapaña dos comicios xerais sob o pretexto de que o Val dos Caídos deixase de ser un centro de peregrinaxe e de honra ao fascismo. 

Paradoxalmente, o mausoleo sitúase en Cuelgamuros, lugar cuxo topónimo deriva do medieval Cuelga Moros, un espazo que como o seu nome indica ten un logo pasado de dor, persecución e morte. 

Desde a fundación fascista sufragan un total de 16 misas ao longo do Estado español, ningunha na Galiza

O pasado 24 de outubro a Basílica do Val abriu as súas portas para que saísen os restos do ditador baixo a bandeira do seu escudo ducal e levado a ombreiros da súa familia entre berros de «viva Franco», con presenza do fillo do golpista coronel Tejero e coa máis alta representación ministerial. As televisión retransmitiron unha exhumación reconvertida de facto nunha especie de funeral de Estado. Poucos días despois o ultraespañolismo de Vox duplicaba a súa representación e facíase con 52 actas no Congreso dos Deputados.

Sucédense as misas e actos de homenaxe a Franco

Pese á exhumación, a Basílica do Val dos Caídos alberga este 20N unha misa ás 11 horas para homenaxear a memoria do ditador. Tamén este 20 de novembro a Fundación Francisco Franco organiza un acto privado para o seu padroado e máis unha misa pública no cemiterio de Mingorrubio, no Pardo, onde se atopan actualmente os restos do ditador. 

Ademais, desde a fundación fascista sufragan un total de 16 misas ao longo do Estado español. Por fortuna, ningunha delas terá lugar nin na Galiza nin en Catalunya. 

O Goberno considera vítima a Primo de Rivera

Tamén un 20-N, mais de 1936, morreu o fundador da Falanxe, José Antonio Primo de Rivera. Sexta feira 22 de novembro realizarase unha manifestación convocada pola Falaxe para homenaxealo. Será unha marcha desde a madrileña rúa Xénova até o Val dos Caídos, onde se atopa soterrado. 

O Goberno central anunciou a súa exhumación para trasladalo a un lugar menos salientábel mais non contempla sacalo fóra da Basílica, polo que esta seguirá sendo un lugar de peregrinación fascista. O Executivo basea a súa decisión no Informe da Comisión de Expertos para o futuro do Val dos Caídos (2011), onde  se pulaba para que «os restos do xeneral Franco fosen trasladados ao lugar que designase a familia». Porén, o informe recomendaba que os ósos de Primo de Rivera ficasen na templo mais sen ocupar un lugar importante (até o mes pasado Franco repousaba ao seu carón). 

O informe non considera José Antonio como vítima da guerra, mais si o fixo a vicepresidenta Calvo, quen asegurou ademais que «A súa permanencia -na Basílica- está xustificada”. 

Francocracia. Unha Transición que non foi

Franquismo sen Franco» ou «fraudulenta Transición» son expresións que se adoitan empregar desde os movementos transformadores para denunciar que no Estado español houbo unha adaptación do réxime aos novo tempos e aos mercados sen producirse ruptura co franquismo. 

Desde o soberanismo exemplifícan esa reconversión do réxime sinalando os preceptos da Constitución en que se enuncia unha nación indisolúbel e onde se encarga ao exército a defensa da unidade española. Tamén a monarquía, designada a dedo polo ditador para continuarlle á fronte da Xefatura do Estado, é outro dos exemplos cos que se pretende contradicir o mito da «modélica Transición».

A represión contra o procés é a mostra dun amoldamento das forzas maioritarias á francocracia, incluída unha esquerda

«Francocracia» é o termo escollido pola doutora da Universidade Complutense Ángeles Díez para designar o sistema político vixente e as deficiencias que conten derivadas do franquismo. Díez emprega este termo para referirse aos aspectos da Transición dos que derivou un réxime que cualifica como particular, xa que non é ditadura franquista mais tampouco é democracia. 

Para Díez, a represión contra o procés é a mostra dun amoldamento das forzas maioritarias á francocracia, incluída unha esquerda que xa non acredita na loita de clases e que se reprega na defensa do Estado de Dereito burgués.  
 

Comentarios