Andrés Arauz, da esquerdista Unes, gaña as eleccións en Ecuador, que decidirá presidente en segunda volta
Máis de 13 millóns de ecuatorianos foron habilitados para votar este domingo para elixir presidente e vicepresidente entre 16 candidaturads. O cálculo virtual de votos reais do Consello Nacional Electoral (CNE) daba esta noite conta do escrutinio do 92,99% de actas presidenciais.
Andrés Arauz, candidato da alianza esquerdista Unes (Unión pola Esperanza), enmarcada no ‘correísmo’ lideraba a votación co 32,34% dos votos; seguido por Guillermo Lasso, banqueiro da alianza de dereita Creo-PSC, co 19,62% e Yaku Pérez, do movemento indíxena Pachakutik, co 19,58%.
O presidente de Ecuador será elixido en segunda volta o 11 de abril, debido a que ningún candidato obtivo máis do 40% de votos válidos e unha diferenza de polo menos 10 puntos.
Unha das sorpresas da xornada foi Xavier Hervas, empresario candidato pola Esquerda Democrática, quen atinxiu o 15,97% dos votos.
A segunda volta do 11 de abril será cuestión de dous. Un deles, xa confirmado polos votos, vai ser Andrés Arauz. Falla por saber quen será o seu contendente, se Guillermo Lasso ou Yaku Pérez.
Arauz, economista, quiteño de 36 anos e por primeira vez candidato presidencial, ten unha carreira pública vinculada á chamada ‘Revolución Cidadá’ liderada polo ex presdidente Rafael Correa (2007-2017). Foi ministro de Cultura e Patrimonio, ministro coordinador de Coñecemento e Talento Humano, entre outras funcións.
Yaku Pérez. Nado en Cachipucura, Azuay, en 1969, é Doutor en Xurisprudencia. Foi presidente da Confederación de Pobos da Nacionalidade Kichwa do Ecuador ( Ecuarunari), participa por primeira vez como candidato á Presidencia de Ecuador. En 1994 foi concelleiro de Cuenca e en 2019 Prefecto do Azuay. Ecoloxista, representa a Pachakutik.
Guillermo Lasso, Guayaquileño de 65 anos, banqueiro moi próximo ao Opus Dei que participa por terceira vez como candidato á Presidencia de Ecuador. Lasso é o fundador do movemento Creo, de dereitas e conservador. Foi Gobernador do Guayas e Superministro de Economía.