Ana Miranda ofrecerá en Italia e Portugal dúas conferencias sobre o "avance do neofascismo" en Europa

A extrema dereita, tanto nos países do espazo comunitario como na propia Eurocámara, "defende posicións contrarias aos dereitos humanos e a dignidade das persoas", denuncia a parlamentaria do BNG.
Ana Miranda, portando carteis contra o fascismo no Parlamento Europeo xunto ao deputado Jordi Solé, de ERC. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Miranda, portando carteis contra o fascismo no Parlamento Europeo xunto ao deputado Jordi Solé, de ERC. (Foto: Nós Diario)

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, participa esta quinta feira e mais mañá, sexta, en dúas conferencias que versarán sobre o "avance do fascismo" en Europa e nas que a parlamentaria galega busca evidenciar como a extrema dereita, mesmo na Eurocámara, defende "posicións contrarias aos dereitos humanos e a dignidade das persoas". Esta tarde tomará a palabra no debate Europa anno zero. Il clima, la guerra, la giustizia sociale, que terá lugar en Roma e está organizado polo eurodeputado Massimiliano Smeriglio.

Na súa intervención, a eurodeputada nacionalista denunciará as "políticas anti-inmigración" que atribúe á Unión Europea e o Goberno italiano de Giorgia Meloni, "continuadora das políticas de Salvini". Neste sentido, Miranda fai referencia ao memorando de entendemento con Túnez asinado pola UE e Italia, que prevé axudas directas da UE por valor de máis de 100 millóns de euros para evitar que as persoas migrantes cheguen a Europa, así como outros "acordos da vergoña".

Xa en Portugal, esta sexta feira, Ana Miranda participará no Fórum Socialismo 2023, organizado polo Bloco de Esquerda e que decorrerá na Escola Superior de Viseu. "Combater o neofascismo" será o título da conferencia na que participará xunto ás eurodeputadas Marisa Matias (Bloco) e Manon Aubry (La France Insoumise).

Traxectoria antifascista

Con estes dous actos, desde o BNG salientan que Ana Miranda "continúa a súa traxectoria de loita antifascista". As súas intervencións súmanse ao traballo desenvolvido no Parlamento Europeo a prol da devolución do pazo de Meirás, que foi visitado por unha delegación internacional de eurodeputados en maio de 2018, e a ilegalización da Fundación Franco.

A maiores, a eurodeputada do Bloque foi promotora, xunto a outras eurodeputadas, da aprobación da Resolución en Contra do Avance do Neofascismo en Europa. Este documento, alén de expresar fonda preocupación "ante a crecente normalización do fascismo, o racismo, a xenofobia e outras formas de intolerancia na Unión Europea", pide aos Estados membro que condenen estes feitos e tomen medidas "para previr, condenar e combater a incitación ao odio e os delitos de odio".

Comentarios