'Amazonia 1' testemuñará desde o espazo exterior o colapso pulmonar do Planeta

A deforestación da selva amazónica, sumidoiro planetario de CO2, está en máximos históricos (Bruno Kelly / Greenpeace)
A selva amazónica bate récords de deforestación: a súa apertura á minaría e á agricultura industrial están a acelerar un proceso con consecuencias planetarias. A vixilancia satelital é chave para coñecer o alcance e o ritmo da catástrofe, mais o avance científico é simple escusa para o discurso chauvinista do Goberno Bolsonaro. 

Na campaña electoral que en 2018 levou a Jair Bolsonaro á presidencia do Brasil prometeu que abriría a Amazonía ao desenvolvemento comercial, incluída a minaría e a agricultura industrial, en detrimento das poboacións orixinarias e da conservación ambiental. Así foi que unha das súas primeiras medidas foi transferir da Fundação Nacional do Índio (Funai) ao Ministerio de Agricultura a competencia de identificar e demarcar as terras indíxenas. 

En decembro pasado coñecíase un dos informes máis clarificadores sobre as súas políticas: cun total de 11.088 km2 deforestados, o período de medición de agosto de 2019 a xullo de 2020 foi o de maior devastación da selva amazónica desde 2008.

Ese informe foi elaborado polo Instituto Nacional de Pesquisas Espaciais (INPE), que na madrugada do pasado domingo celebraba o lanzamento do Amazonia 1, "o primeiro satélite de observação da Terra completamente projetado, integrado, testado e operado pelo Brasil". O proxecto fíxose en colaboración coa Agência Espacial Brasileira (AEB), organismos dependentes do Ministério da Ciência, Tecnologia e Inovações.

Ciencia vs. política

Desde a Presidencia brasileira púxose o foco no aspecto patriótico da súa produción e desenvolvemento ─Bolsonaro colgou no Twitter unha montaxe promocional usando unha imaxe da Liga da Xustiza, de DC Comics, tal e como recollía onte, 1 de marzo, O Globo─ e non tanto na súa misión. Isto é, segundo o INPE, o "monitoramento ambiental e da agricultura em todo o território brasileiro" alén da "região costeira, reservatórios de água, desastres ambientais, entre outras aplicações". 

A principal desas "outras aplicações", malia non o citar expresamente na nota de prensa, é o control da deforestación. De feito, a vixilancia satelital da Amazonía, pulmón do Planeta pola súa capacidade para absorber millóns de toneladas de CO2, é unha das funcións chave do INPE. 

"Produção nacional, desenho nacional, indústria nacional", salientou tamén o ministro da Ciência, Tecnologia e Inovações, Marcos Pontes, noutro discurso patriótico en Twitter. Porén, o desenvolvemento do Amazonia 1 remóntase a 2008, con Lula da Silva no Palácio do Planalto; e da súa posta en órbita encargouse a axencia espacial india cun foguete lanzado desde o centro espacial de Sriharikota. Canda ao Amazonia 1 viaxaban outros 18 satélites, da India e dos EUA.

O brasileiro ficará nunha "órbita de 750 km de altitude e passará pelo Brasil a cada cinco dias, fotografando o solo com uma câmera capaz de observar uma faixa de aproximadamente 850 km com 60 metros de resolução", explicou o INPE. Os datos que achegue "estarão disponíveis tanto para comunidade científica e órgãos governamentais quanto para usuários interessados em uma melhor compreensão do ambiente terrestre".

Porén, o Amazonia 1 ─o primeiro dos tres satélites que formarán Missão Amazônia─ poderíase converter en simple testemuña da paseniña morte da maior selva tropical do Planeta, afectando non só os seus habitantes (a comezos de ano os líderes indíxenas Raoni Metuktire e Almir Narayamoga denunciaron a Bolsonaro na Corte Penal Internacional por crimes de lesa humanidade), senón tamén a circulación das correntes oceánicas e o clima mundial.

Á venda en Facebook

A situación é crítica, denuncian organismos internacionais e ONG ambientalistas. E as políticas mercantilistas do Goberno Bolsonaro están a agravar a situación, din. Esta mesma fin de semana estreouse o documental Amazônia à venda: o mercado ilegal de áreas protegidas no Facebook (accesíbel en YouTube), baseado na investigación do xornalista brasileiro da BBC João Fellet.

Segundo constatou, o impulso gobernamental dado á produción agrícola masiva levou numerosas persoas a invadir zonas da selva amazónica e tallalas para despois vendelas como pasto, mesmo a través de anuncios no Facebook. 

Na actualidade, tan só as áreas públicas deforestadas até 2014 poden ser regularizadas, mais a chamada bancada ruralista e mais o Goberno traballan nun proxecto de lei que prorrogaría este prazo. É dicir, daría validez a esta actual apropiación de terras da Amazonía, algunhas situadas mesmo en áreas protexidas.

Un satélite ruso controlará case a tempo real o desxeo no Ártico, última fronteira enerxética

Case ao mesmo tempo que o Amazonia 1 era posto en órbita, tamén Rusia lanzaba ao espazo outro satélite, o Arktika-M. Un segundo Arktika-M uniráselle en 2023 e xuntos ofrecerán datos constantes sobre o Ártico, segundo informou a axencia espacial rusa, Roscosmos, a través de Twitter. En concreto tomará imaxes cada 15-30 minutos, algo que os satélites que orbitan o ecuador terrestre non poden facer, explicou o organismo ruso. 

O quecemento do Ártico nas últimas tres décadas aumentou ao dobre de velocidade que no resto do Planeta. O deterioro climático, sumado ao avance tecnolóxico, fixo crecer o interese das potencias na zona pola súa exploración: co desxeo ábrense novas rutas de comunicación marítima e, sobre todo, a posibilidade de acceder aos ricos recursos enerxéticos que contén o seu subsolo.