Alemaña enfronta un duro abismo do que pretende saír con militarismo e máis austeridade

O chanceler de Alemaña, Friedrich Merz, a pasada semana á súa chegada á cimeira comunitaria en Nicosia, a capital de Chipre. (Foto: Kay Nietfeld / DPA)
As guerras de Ucraína e Irán están facendo moito dano en Alemaña, que enfronta unha perda de emprego na industria moi grande, e ante este desafío, Merz recorre a dúas vellas receitas, militarismo e austeridade, isto é, cambiar coches por tanques e facer recortes sociais. Ademais, o chanceler alemán quere levar a súa receita armamentística e de recortes ao resto da Unión Europea, algo que afectaría os sectores do agro e da pesca.

Alemaña enfronta un momento complicado. Á crise industrial derivada da consecuencias da guerra en Ucraína e da confrontación directa cunha Rusia que a fornecía de enerxía, agora engádese o conflito no Irán.

"Acomodámonos nunha contorna de prosperidade. Son o primeiro chanceler en 20 anos que lles di aos alemáns que a nosa ilusión de prosperidade non vai durar. Temos que facer e lograr máis do que fixemos até o de agora", sinalou esta cuarta feira o chanceler alemán, Friedrich Merz. "Debo e quero dicir á poboación que non podemos simplemente seguir como nos últimos 20 anos", acrecentou.

Esta análise vai máis alá do chanceler, pois é compartida tamén polo sector económico. A confianza do empresariado alemán empeorou notabelmente en abril a medida que se esvaecen as esperanzas dunha rápida resolución do conflito en Oriente Medio, segundo reflicte o índice elaborado polo Instituto de Investigación Económica de Múnic, que caeu a 84,4 puntos desde os 86,3 do mes anterior, co seu nivel máis baixo desde maio de 2020.

"A economía alemá está a verse gravemente afectada pola crise iraniana", resume Clemens Fuest, presidente do instituto. Neste sentido, o Goberno alemán rebaixou en abril á metade a súa previsión de crecemento para a economía xermana en 2026, pasando dunha estimación de 1% a unha de 0,5%.

Unha realidade que forzou Merz a cuestionar esta semana a estratexia dos Estados Unidos nas negociacións co Irán. "Os iranianos son, ao parecer, máis fortes do que se pensaba, e os estadounidenses, ao parecer, tampouco teñen unha estratexia realmente convincente nas negociacións", afirmou. "Metéronse nesta guerra no Irán, evidentemente, sen ningunha estratexia", insistiu.

O chanceler recoñeceu os problemas polos que pasa Alemaña e como o conflito en Oriente Medio os agrava. "Está a custarnos moito diñeiro. Este conflito, esta guerra contra Irán, ten repercusións directas no noso rendemento económico", lamentou Merz, quen intenta presionar para que se alcance un final da guerra. "O problema con este tipo de conflitos é sempre o mesmo, non só hai que entrar, senón que tamén hai que saír", agregou o xermano.

Con todo, as turbulencias na economía alemá xa veñen de antes. A industria manufactureira xermana perdeu 124.000 empregos en 2025, segundo unha análise da empresa asesora EY. Unha cifra que se eleva a 266.000 entre 2019 e o pasado ano, case 5% do total dos traballos do sector, e as previsións son que a sangría continúe no ano 2026. Só na automoción, a perda de postos durante o exercicio anterior ascendeu a 50.000.

A enerxía do norte

Así, Irán non é o único problema de Alemaña, senón a falta de enerxía chegada do norte. As nulas relacións co Kremlin están a pasar unha factura que o Estado xermano xa non pode aguantar, tal e como demostra a viraxe discursiva de Merz, que esta mesma semana apostou por unha resolución do conflito en Ucraína aínda que isto supoña a cesión de territorio a Moscova. "É de esperar que, nalgún momento, se asine un tratado de paz con Rusia. Entón, é posíbel que unha parte do territorio de Ucraína deixe de ser ucraíno", sinalou o chanceler.

Os continuos choques de Berlín con Rusia e a aposta alemá por desenvolver o exército convencional "máis forte de Europa" ante unha suposta 'ameaza rusa' levaron Moscova a cortar o fluxo de petróleo de Casaquistán a través do oleoduto Druzhba, un novo revés para Alemaña no medio dunha tormenta perfecta.

Un contexto que obriga Alemaña a ter que buscar unha saída para temperar as relacións co Kremlin no medio prazo, chegando a apostar por un referendo en Ucraína para ceder territorio a Rusia no marco dun acordo de paz e mesmo instando o presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, a intentar convencer a poboación a prol dun resultado favorábel na votación.

Mais a recente aposta xermana pola resolución destes dous conflitos non responde ao pacifismo, senón a unha tardía viraxe cara ao pragmatismo cando xa se enfronta a un duro abismo ao que non deu resposta anteriormente. De feito, Alemaña busca saír da súa dura situación con dúas vellas receitas, militarismo e austeridade.

O exército "máis forte"

Tanto é así que o Goberno alemán pretende desenvolver o exército convencional "máis forte de Europa", como salientou a pasada semana o ministro de Defensa, o socialdemócrata Boris Pistorius. Unha aposta referendada polos números, pois o novo proxecto de orzamentos para 2027, aprobado esta cuarta feira, recolle unha suba do gasto militar de 26% con respecto ao presente exercicio, pasando de 105.800 a 133.300 os millóns de euros dedicados a esta materia. Todo isto inxerido nun plan que prevé continuar progresivamente o aumento deste gasto até 2030.

"Vemos a ameaza que supón Vladimir Putin [o presidente de Rusia] e temos que facernos máis fortes", dixo na presentación das contas o ministro de Finanzas, o tamén socialdemócrata Lars Klingbeil, invocando novamente a suposta 'ameaza rusa' para xustificar a aposta militarista, nunha narrativa que coincide coa do chanceler conservador. O Goberno alemán, no canto de ir á base do seu problema enerxético e industrial, pretende superar a sangría nas fábricas pasando dos coches aos tanques. Porén, o volume de negocio do sector armamentístico, por moito que o sector público tire da aposta militarista, non pode suplir a carga de traballo da (antano) potente automoción alemá.

Recortes, e tamén na UE

Un aumento do gasto militar alemán que se fará a base de recortes, especialmente na área social, onde o Goberno prevé tirar de tesoira en prestacións e subsidios, incluíndo unha polémica reforma sanitaria e a redución de investimento de 1% en todos os ministerios que non son o de Defensa.

Uns recortes que tamén se estenderán á Unión Europea, no marco da redución de investimento na Política Agraria Común (PAC) ou a Política Pesqueira Común (PPC) para desviar fondos comunitarios á promoción do gasto militar. Neste sentido, Merz foi tallante a pasada semana. "Europa debe, co diñeiro que temos, saír adiante. Iso significa que temos novas prioridades", expresou o alemán.

Isto nun contexto no que a economía galega non se escapará desta crise. "Todas as previsións económicas dispoñíbeis coinciden en que a duración do conflito bélico marcará a evolución económica global. Galiza non será allea a esta situación", salientou esta quinta feira o Foro Económico de Galicia.

Cubrir o espazo dos Estados Unidos

Alén do choque puntual desta semana entre o chanceler alemán, Friedrich Merz, e o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, a estratexia militarista xermana a longo prazo coincide á perfección cos intereses dos EUA, que buscan abandonar posicións en Europa para concentrar os seus recursos bélicos nas rexións de Oriente Medio e Asia-Pacífico. A este respecto, Trump afirmou esta quinta feira que Washington "está estudando e analizando a posíbel redución de tropas en Alemaña".