Activistas de máis de corenta países unen forzas na Conferencia Antifascistas pola Soberanía dos Pobos en Porto Alegre
Na xuntanza participou a eurodeputada do BNG, Ana Miranda.
Miles de activistas de máis de corenta países, entre eles a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, dos cinco continentes participaron este domingo na Conferencia Antifascistas pola Soberanía dos Pobos en Porto Alegre (Brasil). Unha conferencia que buscou avanzar na organización “da resistencia e a loita contra as diversas formas de fascismo, a extrema dereita e o imperialismo na súa fase máis agresiva”.
A conferencia puxo o foco “nas ameazas fascistas e neoliberais”, que segundo apuntaron, en cada país” adoptan formas particulares”, tendo puntos en común: “a eliminación das liberdades democráticas; a destrución dos dereitos laborais; o aumento do desemprego estrutural; o desmantelamento da seguridade social; a represión contra as organizacións sindicais e populares; a privatización dos servizos públicos; políticas de austeridade que eliminan toda investimento social; o negacionismo científico e climático; a expropiación dos campesiños en beneficio da agroindustria; o desprazamento forzado dos pobos orixinarios para promover un extractivismo desenfreado; políticas migratorias ultra restritivas, e un enorme aumento do gasto militar”.
Alén da resistencia ao fascismo e ao imperialismo, as persoas participantes apuntaron a construír as bases para avanzar “nas nosas converxencias sobre aspectos centrais e unitarios”. Neste senso, consideraron que para combater “o autoritarismo é necesario recuperar, ampliar e profundar os dereitos democráticos sobre a base da participación popular, desde o local ata o nacional e nos organismos internacionais”.
A Conferencia Antifascista pola Soberanía dos Pobos comprometeuse “a continuar a loita sen descanso e a constituírse como un espazo de construción de unidade fronte ao ascenso da extrema dereita e as agresións imperialistas. Fronte á barbarie, levantamos a bandeira da solidariedade internacional, da loita dos pobos e dun futuro socialista, ecolóxico, democrático, feminista e antirracista”.
A eurodeputada galega tomou a palabra na mesa redonda “Papel e límites da acción institucional na loita democrática”, na que tamén interveu o eurodeputado portugués Joao Oliveira, entre outros representantes de distintas forzas políticas. “Levo a Porto Alegre a voz antifascista e antiimperialista do BNG”, manifestou Miranda, quen considera que alzar a voz contra as agresións imperialistas, contra os xenocidios e os intentos de que retrocedan os dereitos humanos “é unha obriga”.