Abidin Bucharaya, novo delegado da Fronte Polisario na Galiza: "O peixe grande come o pequeno, esta é a política internacional imperante"
—Que implica a nova resolución do Consello de Seguridade da ONU pola que se renova a Misión de Nacións Unidas para o referendo no Sáhara Occidental (Minurso) pero que concede maior relevancia á proposta marroquí de dominio?
Esta resolución ten un transfondo que intenta branquear determinadas posturas. Os saharauís e a Fronte Polisario estamos totalmente dispostos a participar en calquera opción baixo negociacións que contemplen solucións baseadas no Dereito internacional. Este tema segue suxeito ao principio da soberanía e, en todo caso, quen pode decidir no destino final deste conflito vai ser o pobo saharauí, porque somos os donos da soberanía do territorio. Promocionar calquera outra opción que non contemple este principio é sinxelamente prolongar a situación que viven os refuxiados neste momento.
—A Unión Europea sumouse ao apoio á proposta de autonomía de Marrocos e a Comisión Europea renovou o pacto comercial con Rabat, a pesar das sentenzas en contra do Tribunal de Xustiza da UE.
Esta decisión reflicte o feito de que a comunidade internacional dá máis importancia a outros temas que están totalmente en contra dos principios de xustiza e de respecto polos dereitos humanos. Falamos dun acordo que vai en contra do Dereito internacional. O TXUE deixou clarísimo que non é posíbel levar a cabo este acordo entre a Comisión Europea e Marrocos porque viola de forma constante o dereito dos saharauís ao comerciar cos recursos naturais do noso territorio. Por esta razón foi condenado polo TXUE e tamén polo propio pobo saharauí, así como por todas as potencias que teñen un mínimo de sentido común e respectan os principios da Unión Europea.
"Hai máis de 170.000 refuxiados saharauís que dependen da axuda humanitaria"
—Como é actualmente a situación humanitaria nos campamentos de persoas refuxiadas de Tinduf (Alxeria)?
As persoas saharauís non puidemos levar adiante o noso proceso de descolonización, onde España era responsábel e, por tanto, vímonos na obriga de exiliarnos a terreo alxerino. Isto forzounos a unha guerra que durou 17 anos, que levou a unha paz de 29 anos e, actualmente, estamos de novo nunha guerra que nos convence cada día de que a política internacional imperante é a de que o peixe grande come o pequeno. Hai máis de 170.000 saharauís vivindo en campos de refuxiados que dependen da comunidade internacional en termos humanitarios e, nos últimos anos, houbo recortes no cesto alimentario e tamén nos proxectos de cooperación. Isto xerou máis necesidades e unha situación bastante precaria en todos os sentidos.
—Como valora a posición actual do Goberno español, máis favorábel aos intereses de Marrocos? Considéraa reversíbel?
Os saharauís temos unha relación de amor e odio con España: de amor, porque milleiros e milleiros de cidadáns de España apoian a nosa causa e nos acompañan nesta loita do día a día para restabelecer a paz e a liberdade do Sáhara Occidental, e de odio, porque non entendemos como é posíbel que os sucesivos gobernos da Moncloa non fixesen nada en aras de permitir que os saharauís decidan. Todas as veces que puidemos e tivemos oportunidade de falar con calquera mandatario español, recomendámoslle que mantivese boas relacións con Marrocos, por ser un país veciño. Os saharauís somos conscientes de que cando nos independicemos, que nos imos independizar, caia quen caia, teremos que manter unha boa relación de veciñanza con Marrocos e cambiar aspectos que melloren e enriquezan as dúas sociedades veciñas. No caso do Estado español, debe manter un trato de equilibrio entre as dúas partes do conflito e non simplemente darlle valor e credibilidade a unha. Iso é unha miopía política pola que, seguramente e co tempo, os dirixentes deste país terán que pagar a factura.
"Galiza é referente na solidariedade co pobo saharauí"
—Como novo delegado da Fronte Polisario na Galiza, cales serán as súas prioridades?
A nosa presenza como delegacións a nivel do Estado español ten varias misións. Primeiro, informar as forzas políticas do territorio no que están as delegacións da situación e da causa saharauí. Por outra parte, somos a ponte entre o pobo saharauí, a Fronte Polisario e a sociedade civil. E, por último e moi importante, traballamos nos aspectos relacionados cos temas humanitarios e cos proxectos de cooperación internacional.
—Que mensaxe lle gustaría enviar á cidadanía galega sobre a importancia de manter viva a causa do pobo saharauí?
Para nós, Galiza é un territorio referente de solidariedade co pobo saharauí. Polo tanto, a nivel galego, o que solicitamos é esa calor humana, ese agarimo que nos ofrece a xente cada día e esa acción que se leva a cabo todos os veráns co proxecto de 'Vacacións en Paz'. A través deste proxecto, a xente facilita que os nenos non teñan que vivir eses días de 56 graos de temperatura nos meses de xullo e agosto nos campamentos. A visión que temos os saharauís é que, grazas a estas iniciativas, conseguimos educar xeracións moito máis tolerantes. Cando crezan, esas xeracións de homes e mulleres poderán convivir con outras culturas e outras persoas, independentemente da súa cor, relixión ou ideoloxía.
Francia investirá nos territorios ocupados do Sáhara
A Axencia Francesa de Desenvolvemento (AFD) estuda conceder a Marrocos un préstamo de 100 millóns de euros no ano 2026 para modernizar 11 portos, tres deles situados nos territorios ocupados do Sáhara Occidental. Segundo a directora da AFD en Marrocos, Catherine Bonnaud, o obxectivo deste financiamento é facilitar a descarbonización e a modernización destes portos, así como “mellorar as condicións dos pescadores”. As patronais marroquís e francesas organizaron un foro de negocios na cidade ocupada de Dajla para anunciar este acordo ao que asistiron representantes de grandes compañías francesas e co embaixador francés en Marrocos, Christophe Lecourtier, quen quixo lembrar a postura do presidente, Emmanuel Macron, a respecto do conflito: “O presente e o futuro do Sáhara Occidental inscríbese no marco da soberanía marroquí”.
Washington tamén anunciou en setembro o seu compromiso de facilitar a participación de empresas estadounidenses en proxectos nos territorios ocupados. Para a Fronte Polisario, este investimento vai contra a legalidade internacional, mentres que Marrocos o celebra como mecanismo para lexitimar a nivel económico e internacional a súa ocupación do Sáhara Occidental.