85 anos do masacre de Gernika: "O grao de destrución da vila é próximo a 75%"

Naquel masacre de abril de 1937, segundo fontes do Goberno vasco da época, morreron máis de 1.600 persoas. Esta terza feira as campás e as sirenas volverán soar en Gernika para lembrar o bombardeo e honrar as vítimas.
A Lexión Cóndor do Exército nazi perpetrou o cruento ataque. (Foto: Arquivo Federal de Alemaña)
photo_camera A Lexión Cóndor do Exército nazi perpetrou o cruento ataque. (Foto: Arquivo Federal de Alemaña)

"[Os bombardeos] provocaron un grao de destrución da vila próximo a 75%, cun volume de lanzamento de 31.000 quilos de bombas desde unha cota comprendida entre 600 e 800 metros. Ao visitar a cidade non se viu ningún habitante dos que non fuxiron".

Así explicaba o ataque a Gernika, producido o 26 de abril de 1937, o coronel da Lexión Cóndor Wolfram von Richthofen, nun informe enviado aos seus superiores do Exército nazi que reproduciu o historiador Ángel Viñas.

Segundo un documento do Goberno vasco asinado polo daquela conselleiro de Xustiza, Jesús María de Leizaola, o número de vítimas mortais polo bombardeo nesta vila vasca ascendería a 1.654, alén de perto de 900 persoas feridas.

Aquela traxedia tornou dun dos símbolos da resistencia republicana e antifascista. A dor de Gernika reproduciuna o artista Pablo Picasso nun lenzo que hogano é recoñecido en todo o mundo.

As sirenas volven soar

Con motivo do 85º aniversario do masacre as autoridades realizarán na tarde desta terza feira un acto de memoria que contará coa presenza do lendakari vasco, Iñigo Urkullu; o alcalde de Gernika, José María Gorroño, e o secretario da Embaixada de Ucraína no Estado español, Sergii Solovey.

Contra as 15.45 horas está previsto que as sirenas e campás da vila volvan soar para lembrar aquel tráxico bombardeo contra a poboación civil, antes de realizar unha ofrenda floral ás vítimas. Posteriormente realizarase un percorrido silencioso con velas por todo Gernika.

A portavoz de EH Bildu no Parlamento vasco, Maddalen Iriarte, dedicou esta terza unhas palabras ao masacre: "A cidade sobreviviu entre devastación, morte e mentiras. Queremos paz. Ningunha guerra en ningures. Paz, democracia e soberanía".

Tamén desde o PNV lembraron o suceso, nunha mensaxe difundida a través de Twitter: "Hai 85 anos bombardearon Gernika avións fascistas italianos e nazis alemáns. Todos os anos denunciamos este ataque á cidadanía e lembramos todas as vítimas. Este ano tivemos que vivir de novo este atentado violento, ante os bombardeos das cidades de Ucraína e as imaxes de milleiros de persoas que se viron obrigadas inxustamente a fuxir do seu país".

Pola súa parte, o presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, reivindicou a memoria como algo "imprescindíbel" para construír unha sociedade democrática. "O bombardeo de Gernika por parte da aviación nazi e fascista foi un dos episodios máis cruentos da Guerra Civil. 85 anos despois lembramos este día e todas as súas vítimas", apuntou.

Comentarios