18 de outubro, data última para os comicios en Bolivia

Jeanine Áñez mostra a lei aprobada polo Senado antes de asinala (Diego Valero / ABI)
Nos últimos días Evo Morales pediu aos seus simpatizantes que acepten a data, xa que seguir cos cbloqueos só beneficia ao Goberno de Áñez.

A presidenta interina de Bolivia, Jeanine Áñez, ratificou a lei que fixa como data límite para organizar as eleccións xerais o próximo 18 de outubro, en tanto que a Central Obreira Boliviana (COB) cualificou de "traizón" a decisión da Asemblea Lexislativa de aprobar a norma pois "non se acordou co pobo boliviano".

"A COB e o Pacto de Unidade [alianza nacional de organizacións de base] nunca traizoaron e xamais van traizoar o seu pobo. Hoxe sufrimos unha traizón e iso téñeno que coñecer o pobo e os mobilizados. Esta lei xamais se acordou connosco, nin co pobo boliviano", denunciou o secretario executivo da COB, Juan Carlos Huarachi.

A COB, principal sindicato boliviano e afín ao Movemento ao Socialismo (MAS) do ex presidente Evo Morales, propuxera nas últimas horas acabar coas mobilizacións que teñen bloqueadas as principais vías de acceso ás cidades do país desde hai máis dunha semana de se adiantaren ao 11 de outubro.

Sindicatos, agrupacións mineiras e movementos sociais organizaron protestas polo adiamento das eleccións para o 18 de outubro, despois de o Tribunal Supremo Electoral (TSE) retractarse tras aprobar nun primeiro momento que a data sería o 6 de setembro.

Entón, os partidarios de Morales denunciaron que se trataba dunha estratexia do Goberno interino para evitar o triunfo e desgastar o candidato do MAS, Luis Arce, favorito nas enquisas previas á pandemia da Covid-19.

"Non beneficiar a Áñez"

Porén, nos últimos días Morales pediu aos seus simpatizantes que acepten o 18 de outubro como data última. "Hai compañeiros que din que polo menos sexa o 4 ou o 11 de outubro, mais non o 18. Eu pregúntome, para que estar a pelexar por unha semana?", defendeu nun encontro con mozas e mozos por Facebook Live.

Ademais, advertiu de que seguir con esta postura só beneficia ao Goberno de Áñez que "non quere que se resolvan os bloqueos" e así seguir culpando o MAS da crise.

Pola súa banda, a presidenta interina de Bolivia sinalou durante a sinatura da lei electoral nun pequeno acto celebrado no Palacio Nacional que se trata dun novo paso para unha "segunda pacificación" do país e sinalou que tras este acordo os bolivianos están a pór por diante "a democracia á ditadura" e "o diálogo ao bloqueo".