xoves 06/08/20

As eleccións en Bolivia adiadas máis unha vez: Morales considera a decisión como “un novo golpe contra a democracia”

As autoridades golpistas bolivianas veñen de adiar por terceira vez a celebración dos comicios presidenciais para a elección da xefatura do Estado. Mentres as enquisas dan como gañador o Movimiento al Socialismo de Evo Morales, o Executivo bota man do coronavirus para non comparecer diante as urnas.

 

A autoproclamada presidenta de Bolivia, Jeanine Áñez
A autoproclamada presidenta de Bolivia, Jeanine Áñez

O Tribunal Supremo Electoral de Bolivia (TSE), controlado polas autoridades golpistas que derrocaron o Goberno constitucional de Evo Morales, volveu a suspender as eleccións presidencias previstas para 6 de setembro. Segundo o presidente do organismo de control electoral, Salvador Romero as “eleccións postérganse para domingo 18 de outubro de 2020 a causa da propagación do coronavirus”, sinalando que “a  saúde da poboación é unha prioridade do TSE” e destacando que “ a data definitiva da elección xera maiores condicións para a protección da saúde, facilidades para a votación e chegada de misións de observación internacional”.

As eleccións xa foron retrasadas en  tres ocasións co mesmo argumento ao longo deste ano. A primeira convocatoria estaba prevista para 3 de maio, pospoñéndose para 2 de agosto e posteriormente para 6 de setembro, como resultado dun acordo de todas as formacións políticas na Cámara lexislativa, algo que non aconteceu desta vez malia o disposto na lexislación electoral boliviana. A este respecto, o presidente do TSE, Salvador Romero  negou esta suposto, asegurando que “ a resolución do TSE non require a aprobación da Asemblea Lexislativa” a pesar que a o texto constitucional e a normativa electoral así o establecen.

A decisión de adiar de novo os comicios prodúcese nun momento no que a totalidade das enquisas dan como claro gañador Movimiento al Socialismo (MAS), do anterior presidente  Evo Morales, actualmente exiliado en Arxentina. Malia a persecución que están a sufrir os seus dirixentes, a formación de esquerdas mantense con claridade como primeira opción electoral dos bolivianos, por enriba de 40% dos sufraxios, sumando as tres candidaturas nas que concorre a extrema dereita 20% dos votos e aspirando a pasar a segunda volta o antigo presidente liberal, Carlos Mesa, que nos pasados comicios acada o segundo posto após Evo Morales.

Morales non dubidou en criticar duramente a suspensión electoral. Así, nas súas redes sociais, cualifica a decisión como “un novo golpe contra a democracia” e sinala que “o Goberno de facto quere gañar máis tempo para continuar coa persecución contra os dirixentes sociais e contra os candidatos do MAS-ISP(Instrumento Político pola Soberanía dos Pobos. Esa é outra forma de proscrición. Por iso non quere eleccións en 6 de setembro”. Ao tempo, cuestiona a legalidade do acordo porque “o único órgano do Estado que  pode modificar ese prazo é a Asemblea Lexislativa” e considera que “o obxectivo e prorrogar o Goberno de facto”.

As principais organizacións sindicais e sociais de Bolivia téñense manifestado nunha dirección semellante. Así por exemplo, a federación das organizacións populares de Cochabamba ven de “esixir ao  Tribunal Supremo Electoral respecto á democracia do pobo boliviano”, “cumprimento dos acordos das organizacións políticas e ao calendario electoral definido entre eles”, dando un prazo de 72 horas ao TSE e advertindo “de mobilizacións indefinidas no caso de non cumprir o que marcan as leis”. Nun sentido semellante, a principal organización sindical do pais, a Central Obrera Boliviana (COB) adianta protestas para as próximas horas e a posíbel convocatoria dunha folga xeral.

O centro de gravidade política en América do Sur trasládase definitivamente nas próximas semanas a Bolivia. Porén, a principal incógnita é si finalmente as eleccións se realizan nunhas condicións libres e transparentes, algo que cuestionan un boa parte dos observadores e analistas, convencidos que a dereita vai facer todo o posíbel para non perder o Goberno.

As eleccións en Bolivia adiadas máis unha vez: Morales considera a decisión como “un...
comentarios