O Baixo Miño e Vigo. Fortalezas do Aloia, Tui, Teis, Penzo e Valadares
A fortaleza do Monte Aloia
Dende o alto do Aloia, monte pertencente á Serra do Galiñeiro, divísase o municipio tudense, a súa urbe, a foz do Miño e un horizonte que nos deixa ver máis aló dos concellos lindeiros. Pero aínda que a marabilla da paisaxe se amosa diante dos ollos, non menos nos interesa lembrar dende aquí aquelas consideracións de Prudencio de Sandoval, bispo de Tui entre os anos 1608 e 1612, pois foi el o primeiro en advertir da existencia nese monte dunha construción singular.
O clérigo publica en 1610 e dende Braga a obra titulada Antigüedad de la ciudad y iglesia cathedral de Tuy, na que afirma o seguinte: "En lo alto desta sierra, que es una gran legua, de muy aspero camino de Tuy, está hun sitio muy llano, con una cerca de media legua en controno, que tendrá de grueso el muro más de tres varas. Tiene a cierta distancia sus cubos, o rebellines; vense claramente por donde eran las puertas, y entrada, y que todo era fortísimo. Aquí dicen ubo una gran ciudad, y se hallan cimientos de casas y edificios, y en medio está una hermita dedicada al mar[t]yr
San Iulian (...)".
Consultadas as publicacións de varios autores, entre outras as de Mario Fernández-Pereiro, Jaime Garrido Rodríguez e Silvia González Soutelo, podemos facilitar certas características do "monumento" que, alén de nos provocar asombro, esíxenos que falemos del con cautela. Trátase dun recinto fortificado no que non se localizaron restos cerámicos da Idade do Ferro, aínda que tégulas e imbrices salpican o chan.
Estes, malia seren propios da época romana, poderían ser fabricados canda a colonización sueva. Tanto é así que a mesma Silvia González Soutelo, ademais de rexeitar unha vinculación galaico-romana, e mercé de non existiren amplos estudos ao respecto sobre esta fortaleza, afirma que a debemos datar –de momento– entre os séculos V e XV; Garrido circunscríbea á Alta Idade Media, e máis concretamente entre as centurias V e X; e Fernández-Pereiro considera que o recinto se puido ocupar no século V ou do VIII-IX.
Debemos advertir que os "rebellines" citados por Sandoval poderían ser barbacás –ou parapetos ergueitos diante das murallas– e os "cubos" non unicamente penedos que se empregaron a modo de torres, senón tamén este tipo de construcións edificadas cun aparello granítico. A muralla, que nalgún tramo supera os tres metros e medio de grosor, habería que cualificala de ciclópea. Posúe dobre paramento, con recheo de rebos, e confecciona dous recintos diferentes, quizais con funcións diversas. Se a superficie anexa conta cunhas 12 hectáreas de superficie, en unión coa principal podemos afirmar que o monumento terá unhas 32 hectáreas.
E se isto nos asombra, maior pasmo nos dará ao saber que a cidade romana de Lucus Augusti superaríaa tan só en 2 hectáreas. Alén de existir certa relación espiritual ou "mística" no interior da construción, por mor da envergadura das cercas non podemos omitir a súa función defensiva. Futuras sondaxes han concretar non só a cronoloxía exacta desta "urbe" monumental, senón tamén porque elementos estaba constituída.
As murallas de Tui
Porén, bastante máis sinxela se presenta a cidade tudense á hora de describila. Moitos son os estudos que ao respecto se teñen publicado e boa parte deles axudan a ganduxar cal era a súa configuración urbana. Ademais das investigacións de Silvia González Soutelo, botamos man das de Suso Vila e Ernesto Iglesias Almeida. Deles concluímos que o perímetro amurallado da cidade será superior ao quilómetro de lonxitude, acollendo unha superficie de 7 hectáreas. Lembremos que a "urbe" localizada no Aloia era catro veces e media superior.
Aínda que non está toda perdida, a cerca conserva parte das súas estruturas, algunha porta, os alicerces de determinadas torres etc. A nivel histórico hai que lembrar que o emperador Afonso VII concede a Paio, bispo de Tui, en 1142 o privilexio do "porticatum" do tráfico fluvial, ano que coincide coa erección dunha torre defensiva preto da catedral.
No que atinxe aos lenzos graníticos, que seica se puideron comezar cara a 1170, tal e como acredita Anselmo López Carreira, tería engadidos de finais do século XIII, e distintas torres –de planta cadrada– irían fortalecendo e circundando todo o perímetro. Malia que o número debería ser bastante maior, na actualidade sábese da existencia de distintas aperturas. A Porta dos Ferreiros, nas proximidades ao lugar no que se localizaba o gremio homónimo, aparece documentada por 1487, e con posterioridade será coñecida como "do Carballo". A da "Pía", que se auxilia cunha torre defensiva, componse dun arco de medio punto e, na zona interna, dunha bóveda de cruceiría que terma da estrutura superior. Por mor do seu estado, a torre e certos tramos da muralla son reparados en 1606.
Outros accesos levarán os seguintes nomes: "A Porta Bergán", no arranque da rúa de San Telmo e que non estaba lonxe dunha torre da que hoxe só se conserva a súa cimentación; e "A Porta do Arco", nas proximidades do Miño, que tamén era fortificada. A súa apertura configurouse en arco de medio punto con tímpano sostido por canzorros. De estrutura menor viñan a ser os postigos "do Ribeiro" e "do Canto", amais da "Porta de Trabancas", próxima á torre homónima que derruban
en 1821.
Entre as torres conservadas hai que citar un par que se localiza na horta do convento de Santa Clara e outra máis que fecha o patio das monxas da "Milagrosa". Desaparecido quedou o baluarte denominado "do Diaño" que, como un esporón, se adheriu á muralla de xeito perpendicular ao curso do río Miño.
O Eirado das Torres
Afirma Suso Vila-Botanes que o "Eirado das Torres" estaba demarcado pola Torre Vella, o palacio episcopal ("as torres e paaços de morada do dito ssennor bispo") e a igrexa de Santa María da Olveira, na parte norte da cidade e na zona máis elevada. Construída nas inmediacións da catedral, segundo o mesmo autor, a Torre Vella debeuna edificar a raíña Tareixa de Portugal, co obxecto de fortalecer as defensas da urbe en 1125.
Uns anos máis tarde, entre 1137 e 1142, o emperador galego Afonso VII alza outra construción semellante, preto do "campanile" da sé eclesiástica, coincidindo esta última data coa doazón dese inmoble que o monarca lle fai ao bispo. Tal mercé, por outra banda, resultaba abondo importante, pois o edificio entregado non era unha simple estrutura defensiva, xa que ademais ía ligado ao porto de San Xoán. Certifica Vila-Botanes, que con posterioridade habíase coñecer co nome da "Torre de Concello". Así e todo, noutras ocasións, tamén exerce funcións de cárcere eclesiástico para logo formar parte xunto cos terreos circundantes da familia conventual da Concepción. Deste modo, a torre incorpórase ás estruturas arquitectónicas do edificio monástico.
Verbo do que achega Henrique Flórez no tomo 22 da España Sagrada, o rei Fernando II concederíalle en 1179 ao bispo Beltrán unha importante mercé: que co recado na venda de certo grao se alzase unha torre e un alcázar xunto ao pazo episcopal ("concedo vobis praefato episcopo Bertrando et capitulo tudensi, ut faciatis Alcazar et Turrem justa domos episcopi
in Tuda").
As torres de Vigo
De dirixírmonos agora até a bisbarra de Vigo, e centrando a curiosidade no municipio que así se denomina, non podemos comezar sen indicar que ao longo da Idade Media contou esta urbe con diversos edificios castrenses dos que, na actualidade, non moito se coñece. Si é certo que a partir de 1656, reinando Filipe IV, as murallas da cidade comezan a alzar a súa fachenda, ao igual que faría o tamén moderno castelo de San Sebastián.
Porén, servíndonos dunha publicación de Xulio M. Sigüenza, habería que sinalar que moito máis pretéritas foron a Torre de Candeán, na freguesía do mesmo nome e que puido estar vinculada á Encomenda Sanxoanista de Beade; a Torre de Busteu, en San Tomé de Freixeiro; a dos Tavares de Tabora, en Santa María de Castrelos; o castelo do Monte Alba; a casa de Valadares, na parroquia homónima; e as fortalezas de Teis e Penzo.
A fortaleza de Teis
Aínda todas que sexan de moito interese, espertan a nosa curiosidade as tres últimas, sendo a de Teis a primeira na que imos afondar, pois xa aparece documentada no testamento do arcebispo compostelán Xoán Arias, pronunciado en 1266. Alén de facer mención de diversos inmobles que posuía, asegura ter nese lugar, pertencente á parroquia de San Salvador de Teis, un celeiro cunha torre, viñas, casas e 16 casais sen tributo reguengo ("Cellarium de Tex cum turre et uineis et domibus et cum XVI casalibus sine Regalengo de alcaua").
Por esas demarcacións tamén conservarían propiedades os señores de Lemos e Sarria, velaí que "dona Beatriz, filla do Infante dom Afon de Portugal, e moller de dom Pedro Ffernandes de Castro", titular daqueles señoríos, confirme dende Vigo, o 14 de agosto de 1321, aquelas cartas que o seu marido outorgara a "Johan Ffernandes de Teys, rector da iglesia de San Pedro de Saardoma" de todos os "herdamentos, dereytos e ffruytos e beens e dereyturas que ha e de dereyto devamos aaverr este dom Pedro Ffernandes e eu e na ffrigrisía de San Salvador de Teys".
Tal afirmación non quere sinalar que o referido edificio fose da súa propiedade, malia que si deberon gozar doutro nese lugar. Avanzando na nosa cronoloxía, debemos lembrar que a fortaleza de Teis figura rexistrada n'O Tumbo Vermello de Don Lope de Mendoza, e máis concretamente no apartado que se titula Libro das rendas do arçobispado de Santiago en Galiza: "o çelleyro de Teys esta arrendado por mill e çen maravedis de branquos, e porque val mays an teer a casa por sua custa". Desta información de 1331 e 1338 dilucídase que a xeografía Teis, malia ficar no bispado de Tui, estaba ligada ao señorío dos prelados composteláns. Velaí que na sección de castelos e fortalezas dese mesmo tombo se cite primeiramente a torre de Teys e, en folios sucesivos, o "çillero de Tex".
Logo de se iren deteriorando a estruturas castrenses do inmoble, padece as consecuencias do levantamento irmandiño. Por iso no Preito Tábera-Fonseca se describe como "una torre derrocada fasta el primer sobrado y de alli abaxo entera e la çerca de la manera que agora y hesta y que despues el dicho Conde de Camiña la acabara de derrocar del todo por el suelo".
A fortaleza de Penzo
Penzo, por outra parte, logo da súa derruba, ocuparía o seu predio unha fortaleza moderna coñecida como "O Castelo do Castro". Mais do edificio medieval non obtemos moitos detalles, alén de sabermos que sería tombado na segunda metade do século XV e que non posuía torre da homenaxe. No devandito Preito afírmase que "es cabo la villa de Vigo" e que ficou en bo estado mentres a ocupou "Grigorio de Valladares por el dicho señor arzobispo e Patriarca".
No que atinxe á súa descrición, a mesma fonte documental asegura que era unha "casa llana sin bara de casa e que era de piedra de cantos grande e gruesa e con sus almenas de piedra menuda e tenian dentro casas en que moraban los que estaban dentro". Sentencia, ademais, que "Peralvarez de Sotomaior, conde que fue de Camiña, la çercara y tomara y la derrocara".
A casa de Valadares
Malia non termos moitos datos vinculados á edificación que en Santo André de Valadares se ergueu co mesmo nome e resultou ser o predio principal dos señores así apelidados, con ela rematamos. A este respecto queremos recomendar as obras tituladas A Casa de Valladares de Felipe Castro Pérez e o Inventario de Pazos y Torres de la Provincia de Pontevedra que correu a cargo de Juan López-Chaves e Grato E. Amor Moreno. Segundo os autores, as orixes do inmoble son moi remotas, tanto que hai quen as fixa no século XII. Así e todo, pola nosa parte non fomos quen de constatalo, malia que si é certo que existen documentos baixomedievais que a citan.
Un deles, conservado no ACS, é aquel testamento que o rexedor pontevedrés Gregorio de Valadares pronuncia o 8 de xaneiro de 1475 e polo cal escolle por herdeiros a "Pero Vázquez de Baladares, meu fillo, e a Tereijaa de Meyra, súa yrmá".
Ao varón, que é favorecido co morgado, pídelle que lle deixe "a dita súa yrmá o couto de Meyra, e a myna parte dos casares propios que me aconteçeron dos casares de Canba e Pías, e Mouriscados e Salbaterra, e as coleytas dos benefiçios que a myn pertesçen en Toroño, salbo das freygesías que a el pertesçen que son estas os feudos da ygresia de Santiago". O testador tamén quere que o vinculeiro "aja e erde a casa de Baladares" xunto co "couto de Sajamonde, con súas biñas, casas e erdades".