Centos maniféstanse pola gratuidade da sanidade

Após os peches en San Caetano e dunha mobilización que congregou a centos de persoas en Compostela, o alcalde de Riotorto avanzou que a Iniciativa se reunirá coa Xunta a vindeira semana. Federico Gutiérrez sinalou que reclamarán á Xunta a derrogación do re-pagamento.

IMG_9004
photo_camera [Imaxe: O.R.]

Convocad@s pola Iniciativa galega pola gratuidade da sanidade centos de persoas congregáronse este domingo 17 de novembro na Alameda de Compostela para se mobilizaren contra o re-pagamento de fármacos hospitalarios para doentes crónic@s. Encabezad@s por unha faixa na que se podía ler O copagamento mata, os alcaldes de Allariz, San Sadurniño e Riotorto --todos eles do BNG-- acompañaron a algúns dos 150 colectivos que conforman a Iniciativa. 

Ao berro de "sanidade gratuíta na Galiza" @s manifestantes percorreron o treito que vai desde a Alameda compostelá até a céntrica praza de Praterías onde o rexedor de Riotorto, Federico Gutiérrez Estoa, tomou a palabra para asegurar que "non imos tolerar que poida perigar a vida de ningún ou ningunha compatriota nosa porque carece de recursos para facer fronte á medicación que a súa doenza de require". 

Insubmisión ao re-pagamento

De maneira moi taxativa, Estoa asegurou que @s alí reunid@s "no corazón da nosa nación", dixo, "nunca máis volveremos ser homes e mulleres de segunda" e reivindicou a insubmisión amosada por máis dunha trintena de concellos que coma o de Riotorto asumirán o custe dos tratamentos farmacolóxicos suxeitos ao re-pagamento de non se producir mudanza algunha na decisión da Xunta de aplicar o decreto aprobado polo goberno español. 

"Somos a Galiza rebelde, consciente e descolonizada", sinalou Gutiérrez Estoa perante a ollada atenda d@s manifestantes, aquela que "se articula sobre a igualdade" e a "solidariedade" enre a súa cidadanía. Esa mesma Galiza que rexeita de maneira clara as imposicións dese "capital desvocado", apuntou, cuxo obxectivo é "rematar co sistema sanitario público" a través dunha medida, denunciou, "que só busca facer caixa a costa das nosas vidas". 

"Que tomen nota xa", advertiu desde a Praza de Praterías o rexedor riotortense, "non imos permitir este novo imposta á enfermidade" que, sinalou, "supón unha carga moi importante" para tantas perosas "que non son capaces de chegar a fin de mes" ou, afirmou, "mesmo de comezalo". 

Xuntanza coa Consellaría de Sanidade a vindeira terza feira

Federico Gutiérrez Estoa anunciou na súa intervención que a Xunta de Galiza vén de lle comunicar á Iniciativa galega que se reunirán con ela a vindeira semana tal e como demandaba a plataforma desde hai quince días. Neste senso, o alcalde de Riotorto avanzou que reclamarán da responsábel de Sanidade o rexeitamento ao re-pagamento farmacolóxico así como a retirada do decreto polo que se fixou o re-pagamento no transporte hospitalario non urxente. 

"Que saiba o goberno galego", insistiu Estoa, "que non imos dar por boa unha resolución que deixa fóra do dereito á saúde a homes e mulleres" nen "garante que a sanidade vaia continuar a ser universal e gratuíta". Así, recuncou Estoa só apoiarán á Xunta de Galiza de se garantir que os tratamentos serán de volta gratuítos "senón, terannos en fronte para derrotalos" porque "a loita é o camiño", sentenciou. 

Comentarios