A trama de emprego do PP no Concello de Santiago que non destapou a Pokemon

O concelleiro do PP responsábel de Centros Socioculturais, Francisco Javier Noya, vén de ascender sen concurso público ao laboral Enrique Vázquez Naveira, candidato do PSOE na Baña durante tres lexislaturas. Pola súa xestión, o concello está a ter que admitir por sentenza xudicial a traballadoras que entraron a través da empresa de Burgos Arasti Barca. 

Pazo de Raxoi
photo_camera Pazo de Raxoi

Que hai detrás do recente ascenso de nivel por parte dun concelleiro do PP en Santiago a un laboral que foi concelleiro e candidato á alcaldía do PSOE na Baña durante tres lexislaturas? O concelleiro Francisco Javier Noia vén de ascender a Director de Centros Socioculturais, Festas, Participación Cidadá e Xuventude e elevalo de nivel ao laboral Enrique Vázquez Naveira, protagonista dunha trama de contratación paralela que está a obrigar ao concello a admitir a traballadoras, algunhas da Baña, que entraron contratadas pola empresa privada que xestiona os centros socioculturais da cidade. O concelleiro do PP contribúe a engrosar a listaxe de futur@s traballadores/as do Concello con novos nomes do seu entorno próximo. 

A xestión de centros sociculturais de Santiago corre a cargo da empresa de Burgos Arasti Barca, responsábel de seleccionar as traballadoras, segundo o contrato asinado co Concello. O cadro de persoal de Arasti incrementouse nos últimos anos con varias persoas da Baña, concello do que foi candidato o laboral agora ascendido, que, co mesmo procedemento foron entrando como persoal do concello por sentenzas xudiciais ao seu favor, nun momento en que Santiago ten taxa de reposición cero. 

As traballadoras de Arasti Barca actúan na súa práctica cotiá como persoal do concello, a cargo de Vázquez Naveira e non de directiv@s da empresa, o que dá argumentos a súa defensa para se converteren despois de xuízo en traballadoras municipais. Dúas delas traballan mesmo no seu despacho e algunha chegaron a participar en cursos de xestión administrativa e económica do propio concello, formación destinada a traballadores municipais que son quen ten que desenvolver este tipo de labor. É dicir, persoas que entraron, por exemplo, como animadoras a través da empresa Arasti Barca pasaron por sentenza xudicial a se converteren en persoal laboral indefinido, con emprego estábel. En principio, a súa praza consolidaríase até que o concello a convocase publicamente, feito que non se ve a longo prazo pola taxa de reposición cero. 

Con probas oficiais asinadas

O xulgado está a ditaminar a favor das traballadoras fundamentando as súas sentenzas nas propias probas asinadas por Vázquez Naveira, é dicir, ordes e escritos dirixidas ás traballadoras que, en principio, dependerían da área de xestión de Arasti Barca. 

O sistema iniciado na área por Vázquez Naveira foi aumentado recentemente polo concelleiro responsábel da Área, Francisco Javier Noya Iglesias, que meteu a traballar na empresa Arasti Barca a tres traballadoras do seu entorno, unha veciña de Villestro -de onde el procede-, unha amizade próxima e unha familiar de Luís Bello, concelleiro de Tráfico. 

Francisco Javier Noya é responsábel tamén de Participación cidadá, un área que non ten ningún traballador desde que o anterior funcionario Miguel Vilariño fora desprazado despois de acusar de facturas falsas ao concelleiro De la Fuente. 

A pregunta polo ascenso de Vázquez Naveira foi xa ao recente pleno. O laboral abarca, no seu ascenso, novas áreas de xestión, sen acceder a elas por ningún tipo de concurso público senón por designación directa do concelleiro. 

Comentarios