Máis de 1.000 adhesións respaldan o acto de constitución de Somos Nós

A Facultade de Xornalismo de Compostela acolle este sábado o acto público aberto (12:00) que será o paso fundacional dunha iniciativa que nestes días recibiu, segundo fontes consultadas por Sermos Galiza, máis de mil adhesións.

quintana

Un acto público aberto na Facultade de Ciencias de Comunicación de Compostela este sábado 21 de febreiro ás 12:00 horas será o principio da andaina de Somós Nós, unha iniciativa que quer a partir desta data “iniciar un proceso constituínte como movemento social para crear país”, segundo afirmaron fontes consultadas por Sermos Galiza. Alén das 200 persoas que con nome e apelidos apoiaron como promotores a aparición de Somos Nós, hai máis de 1.000 adhesións acadadas nestas semanas a este proxecto a través das redes ou de mail, segundo afirman ditas fontes. “Hai un interese real e hai unha gran expectación”, conclúen.

O acto non vai ser un acto político clásico e moito menos un mitin. Vai ser “modesto, breve e no que se reflicta o sentido de comunidade”. Unha xornada para definir prioridades de traballo e o modelo organizativo interno, “e todo iso a decidir coa participación das persoas”.Estas fontes consultadas queren clarificar que nin o acto nin o proxecto “son para maior gloria de Anxo Quintana”, en referencia ao ex portavoz nacional do BNG e ex-vicepresidente da Xunta e rostro máis visíbel deste movemento. Porque o que se pretende é “iniciar o proceso constituínte dun movemento social que quere crear país, que pretende que Galiza exista politicamente, que se lle respecte”.

O que tamén teñen claro en Somos Nós, en base a ese relato, é que non son un partido político nin queren competir neses parámetros, e que teñen claro que as solucións ás necesidades e demandas de Galiza “non van vir desde Madrid goberne alí A, B ou C”. O deste sábado e en Compostela será unha aposta, din, por sumar nese proceso do pobo galego que ao longo da historia deu lugar a feitos como as Irmandades da Fala ou Nunca Máis.

Comentarios