O BNG revólvese perante o veto a Amaiur de PSOE e UPyD no recurso ao pensionazo

PSOE e UPyD impediron que o recurso perante o Tribunal Constitucional contra o 'pensionazo' tamén fose asinado por Amaiur, vetando así unha actuación conxunta de gran parte das forzas da oposición con representación no Congreso. Aliás, o BNG foi o impulsor deste recurso, do cal agora PSOE e UPyD queren excluír a formación abertzale.
amaiur
photo_camera amaiur

O Bloque Nacionalista Galego cualifica de "antidemocrático" o veto interposto contra Amaiur por PSOE e UPyD e que impide que o recurso ao Tribunal Constitucional contra o decreto de non actualización das pensións vaia ser asinado conxuntamente por todas as forzas da oposición. Para o BNG "é intolerábel en termos democráticos a exclusión, por motivos puramente sectarios, dunha forza política representativa dun importantísimo sector da populación basca. Hoxe Amaiur é a segunda forza política de Euskadi.

BNG impulsou o recurso

O BNG foi a forza política impulsora da presentación deste recurso, sinalando que é unha "iniciativa xurdida durante a recente comparecencia da ministra Fátima Báñez no Congreso d@s deputad@s". Iso si, a fronte nacionalista deixa claro que "non vai tolerar nunca que ninguén se arrogue o dereito a decidir que forzas políticas democráticas poden ou non poden asinar un texto".

Aliás, o PSOE intentou organizar unha presentación perante os medios para dar a coñecer este recurso e convidou diversas forzas políticas a participaren no acto. O BNG decidiu non participar nesa comparecencia perante a imprensa en canto coñeceu a decisión de PSOE e UPyD de excluír Amaiur.

IU, PNV e CIU, a diferenza de BNG e ERC, si asinarán o recurso ante o TC, ao non condicionaren a súa presentación conxunta ao levantamento do veto a Amaiur.

Comentarios