É simplista termos unha tarifa eléctrica galega?

O Secretario de Enerxía da Federación de Industria da CIG, Fernando Branco, bota abaixo neste artigo os argumentos do PP contra a Tarifa Eléctrica Galega. 

Recentemente, nun medio de comunicación, o Director Xeral de Enerxía e Minas da Xunta afirmaba que a demanda dunha Tarifa Eléctrica Galega, máis baixa que a Estatal, era unha solicitude simplista.

"A tarifa única no Estado foi unha imposición do franquismo no ano 1951 e que se empezou a aplicar en 1953".

Ben, de xeito esquemático imos achegar algunhas referencias sobre este debate social impulsado polo nacionalismo.

En primeiro lugar, a tarifa única no Estado foi unha imposición do franquismo no ano 1951 e que se empezou a aplicar en 1953.

En Europa, e noutros países do mundo, hai estados con tarifas diferentes, caso de Gran Bretaña, con 14 áreas de subministro de electricidade con prezos diferentes, máis tamén Alemaña e Suíza, por citarmos só uns exemplos.

O propio Partido Popular non lle fai ascos a tarifas diferentes, mais no sentido contrario do solicitado polo nacionalismo galego; na recente Lei do Sector Eléctrico, Lei 24/2013, recóllese en dous artigos a posibilidade –aínda por desenvolver-, de crear suplementos territoriais por valor dos impostos autonómicos á actividade eléctrica. Como só se poden crear impostos onde hai esta actividade –que non é neutra nin ambiental nin socialmente-, e en Galiza si existen, de levarse a cabo esta posibilidade, significaría que en Galiza teríamos que pagar un suplemento territorial e en Madrid, que é deficitaria en electricidade en máis dun 90%, non; ou dito doutro xeito, en Madrid poderían chegar a pagar a electricidade máis barata que en Galiza.

"Na proposta de peaxes realizada polo Goberno Central para o ano 2015, logo de seren pactada co PNV, aprovéitase unha singularidade técnica das liñas de distribución de Euskal Herria que vai significar un aforro moi considerábel no recibo eléctrico para a industria basca"

Na actual tarifa xa existen compoñentes de solidariedade territorial, o máis salientábel –non o único-, é o custe eléctrico de Canarias, Baleares, Ceuta e Melilla que, pola súa condición de illamento, é moito máis caro que na Península, por iso, ese extracuste págase solidariamente no conxunto da tarifa eléctrica e, no ano 2013, foron 1.800 millóns de euros.

Na proposta de peaxes realizada polo Goberno Central para o ano 2015, logo de seren pactada co PNV, aprovéitase unha singularidade técnica das liñas de distribución de Euskal Herria que vai significar un aforro moi considerábel no recibo eléctrico para a industria basca. Este é un exemplo evidente de como se pode traballar a favor do desenvolvemento do seu País e non como fai a Xunta.

Por último, se en Galiza temos os salarios e as pensións entre as máis baixas do Estado e se -a pesar de ser excedentarios, ano tras ano, en enerxía eléctrica- se pagamos a electricidade igual que noutras zonas, a pergunta é se non estaremos realizando realmente unha contribución superior.

Remato xa, en Galiza chove moito, e desa auga hai quen fai moitos cartos que sempre rematan lonxe de nós, non estaría de máis que o pobo galego e a súa economía tamén se beneficien do noso clima; máis o simple, o realmente simple, é non facer nada.


 

Comentarios