A semente de Moncho Valcarce segue a alumear 20 anos despois

En Pontoxo, nas Encrobas, onde está a igrexa e o busto en lembranza de Moncho Valcarce comezaron os actos da homenaxe popular na lembranza do crego nacionalista cando se fan vinte anos da súa morte. Vídeo da presentación no interior

Daba a misa en galego, a comuñón con pan de centeo e ribeiro do país, non cobraba polos oficios, loitou cóbado con cóbado cos labregos contra os responsábeis da súa explotación... Era cristiano, crego e revolucionario, como foron, noutros países e épocas, Camilo Torres, Ernesto Cardenal ou, tamén, por que non, Basilio Álvarez. Moncho Valcárcel, o ‘crego das Encrobas’. Neste 2013 cúmprense 20 anos do seu pasamento. E neste sábado, 31 de agosto, a  Irmandade Moncho Valcarce celebra, en colaboración co concello de Cerceda, a xornada en lembranza deste crego.

Os Premios Moncho Valcarce pola Defensa da Terra e pola Promoción da Terra foron para Manuel Lugrís Rodríguez e o Museo do Pobo Galego

“A túa semente segue viva” é o lema da homenaxe, e nesa mesma semente nestán Manuel Lugrís Rodríguez e o Museo do Pobo Galego, galardonados neste ano co premio Moncho Valcarce pola Defensa da Terra e pola Promoción da Terra

Poesía, música, convivencia, lembranza

Unha ofrenda floral no monumento dedicado a Moncho Valcarce ás 12 horas cunha homenaxe poética-musical na que estaba previsto que intervisen Pilar Pallarés, Manuel Lugrís, Xosé Fraga, Xulio L. Valcarce, Ramón Vilar, Xosé Elías Ramil, Baldomero Iglesias, Luis Liñares coa música de Xosé Taboada mais a gaita de Xosé M. Ares interpretando o himno galego dará paso a un xantar de irmandade no propio lugar. 

Á tarde é quenda da entrega dos Premios Moncho Valcarce pola Defensa da Terra e pola Promoción da Terra a Manuel Lugrís Rodríguez e o Museo do Pobo Galego nun acto que incluirá a dedicatoria a os todos os premiados e as actuacións das pandereteiras das Encrobas, Lydia Botana “Bolboreta”, César Morán, Paco Campos, Xosé Taboada e A Quenlla. Nun local próximo podían verse videos e diversos materiais relacionados co cura das Encrobas. 

Militancia nacionalista

Moncho Valcárcel iniciouse na militancia nacionalista na AN-PG, sendo candidato ao senado nas eleccións do 1977 polo BN-PG, formación pola que sería concelleiro en Culleredo. Desenvolveu un amplo e intenso labor no sindicalismo nacionalista desde as Comisións Labregas. O seu compromiso cos e coas labregas e na defensa da Terra levoulle mesmo a ser detido.

"Non se pode ser cristián e ordenado presbítero, sen asumir un compromiso liberador, pois somos fillos dunha Terra oprimida, á que se lle negan os dereitos tan esenciais como o da autodeterminación, na que malviven xentes explotadas e marxinadas, devoradas por un neocolonialismo brutal".


 

Comentarios