Seixo anuncia o momento "máis complicado" para a clase obreira "desde a caída da ditadura"

O secretario xeral da CIG, Xesús Seixo, escollido este domingo para outros catro anos no VI Congreso da central nacionalista, asegurou que a clase obreira galega se atopa "no momento máis complicado desde a caída da ditadura". Seixo fixo estas declaracións minutos antes de encetar o acto de clausura do Congreso, onde se anunciou a súa escolla para máis un mandato con 499 votos a favor, 50 en branco e 4 nulos.

Congreso CIG
photo_camera Congreso CIG

As políticas da UE e dos gobernos galego e español "van empeorar", advertiu o sindicalista, sinalando con especial preocupación cara a todo o que ten a ver coa destrución de emprego e as "agresións", á negociación colectiva. "A patronal quixo debilitala e o goberno entroulle ao trapo", remarcou.

Tamén uns minutos antes de entrar ao acto de clausura falou coa imprensa o voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, quen quixo subliñar a importancia para a clase obreira da Galiza "de contarmos cun sindicalismo nacionalista con visión política sobre os problemas do País".

Por derradeiro, cómpre salientar tamén que a Comisión de garantías da CIG saiu escollida por 512 votos a favor, 31 en branco e 9 nulos. A nova executiva confederal, pola súa banda, colleitou 508 votos a favor, 30 en branco e 15 nulos.

((Seguirá ampliación))

Comentarios