Segundo El Mundo, informes policiais indican que o BNG "ten modificado o eixo da súa liña política"

Segundo afirma hoxe o diario El Mundo, informes policiais indican que o BNG "ten modificado o eixo da súa liña política". Estes informes fan parte da investigación policial no cuadro do proceso que a Audiencia Nacional segue contra catro independentistas acusados de pertenza a organización armada, falsificación documental e tenza de explosivos.

Non parece nada normal nunha democracia minimamente avanzada que os corpos e forzas de seguridade do Estado se dediquen a facer consideracións de tipo político sobre as organizacións políticas democráticas, mais no Estado español isto está a suceder, se nos atermos ao teor literal da información que publica hoxe o diario El Mundo.

El Mundo afirma literalmente que "os estrategas de seguranza [reférese quer aos servizos policiais quer aos de intelixencia]" consideran que o BNG "ten modificado o eixo da súa liña política" -esta frase entre aspas pertencería supostamente aos informes policiais-, procurando, di o rotativo, "un punto máis de velocidade ás súas reivindicacións secesionistas".

Así, os servizos de seguranza do Estado, sempre segundo o que publica El Mundo, advirten de que o BNG "está a potenciar accións en favor do direito de autodeterminación do pobo galego" -o texto entre aspas está escrito polo xornalista Fernando Lázaro- e, alén do máis, "están a prestar apoio político aos presos de Resistencia Galega -aquí a frase pertencería aos informes policiais.

El Mundo salienta que o BNG se negou a asinar unha proposta do PP, en sede parlamentaria, para condenar Resistencia Galega, ocultando que foi o conxunto da oposición -BNG, PSdeG-PSOE e AGE- quen se negou a facelo co argumento de que se trataba dunha cortina de fume do PP para desviar a atención sobre os problemas reais que afectan a cidadanía galega.

Comentarios