Sanidade confirma que o hospital de Conxo ''non estaba no plan de evacuación'' no sinistro de Angrois

A preguntas da imprensa, a titular deste departamento, Rocío Mosquera, informou de que o centro público pertencente ao CHUS só foi utilizado para practicar autopsias e xustificou os translados á Rosaleda porque o policlínico privado dispón de servizo de urxencias. Quedan aínda 69 persoas ingresadas, 22 delas en estado crítico


É o centro hospitalario máis próximo á curva da Grandeira, en Angrois, onde o 24 de Xullo ás 20.41h do serán descarrilaba un Alvia deixando como resultado 79 persoas mortas e o sinistro ferroviario máis grave do Estadodesde 1944. Falamos do hospital de Conxo, pertencente ao CHUS e que esa noite ficou parado porque non recibiu ferid@s.

Malia non dispor de servizo de urxencias, traballador@s do centro público confirmáronlle a Sermos Galiza que o centro ten "capacidade humana e tamén de medios" suficiente para atender unha catástrofe desta magnitude. "Foi reformado hai pouco tempo e está equipado cos mellores materiais, os quirófanos son de alta tecnoloxía".

Con todo, o Sergas prescindiu deste centro, tal e como o confirmou esta segunda feira a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, a preguntas d@s xornalistas. Explicou que o hospital de Conxo non fai parte do plan de evacuación do 061 precisamente por non ter acceso de urxencias, o mesmo argumento que lle serviu para xustificar os ingresos no policlínico privado da Rosaleda, que si figura no devandito plan de evacuación. Foi casualmente este o centro onde o Borbón visitou @s ferid@s. "Perante unha catástrofe é o 061 quen decide a onde remitir os pacientes", explicou Mosquera.

Houbo translados a máis un centro privado, o hospital Domínguez, en Pontevedra. A conselleira non o explicou mais, segundo puido saber este xornal, o centro é, xunto co CHUAC, o que conta coas mellores unidades para o tratamento de queimad@s de todo o Estado. Podería ser este o motivo polo que o hospital Domínguez atendeu tres persoas, derivadas alí desde o sinistro de Angrois. A Rosaleda recibiu por volta de 30 ferid@s, case a metade d@s que fican aínda ingresad@s.

Exixen ''ceses inmediatos'' e responsabilidades políticas na Xunta

A Asociación galega para a defensa da sanidade pública reclama "ceses inmediatos e responsabilidades" na Xunta de Galiza polo acontecido co hospital de Conxo. "Non é aceptábel que se abriran quirófanos e unidades pechadas desviando os feridos a máis de 50 quilómetros da zona do accidente", sinala o colectivo nun comunicado enviado aos medios en que tildan de "inaceptábel" a decisión tomada polo Sergas.

A conselleira de Sanidade quixo aliviar a "frustración" que @s traballador@s de Conxo declararon ter sentido ao seren convocadas na noite do sinistro e non atender finalmente ningunha persoa. Dixo Rocío Mosquera que a unidade de radioloxía de Conxo servira "de moita axuda" para practicar autopsias "complicadas", pois Conxo comezou a funcionar o día 25 ao recibir varios corpos para lles practicar a autopsia.

Con todo, desde a Asociación en defensa da sanidade pública subliñan que o acontecido evidencia os resultados "da política de pechar camas, unidades e quirófanos nos centros públicos e de apio ao sector privado, que se mantén incluso en unha situación tan dramática". Exixen de Mosquera un informe "coa máxima claridade" ao redor do dispositivo eos criterios seguidos para a atención dispensada ás persoas que resultaron feridas no accidente.

Comentarios