Reivindicación, festa e encontro no Festigal 2014

A comisión organizadora do Festigal presentou o cartaz e actividades que terán lugar os días 24 e 25 en Compostela con motivo do Día da Patria. 

Presentación Festigal
photo_camera Presentación do Festigal

Máis un ano chega o Festigal. O encontro cultural, musical e político que a Fundación Galiza Sempre e Galiza Nova organizan anualmente co gallo do Día da Patria. 

Esta quinta feira, o secretario xeral de Galiza Nova, Alberte Mera, Tania Ameneiro, da Fundación Galiza Sempre e Saleta Chao (BNG) presentaron o cartaz de 2014 e afirmaron que máis un ano o Festigal servirá de "escaparate para a música reivindicativa do país". 

Segundo explicou Tania Ameneiro, “o Festigal é espazo de encontro para a tradición e a vangarda”, polo que nel terán espazo desde grupos de fonda traxectoria como a Quenlla até Sés a quen definiu como “a rachadora rockeira e bluseira de referencia”. Xunto á bergantiñana actuarán o 24 de xullo Nao co seu novo traballo 'Cartas no caderno', a Troupe dos Festicultores e mais A Quenlla. 

Xa o 25 de xullo (sexta-feira) o café concerto dará acubillo a HabELAS Hainas,  Os da Ría; García MC con "Abaixo e de pé", que é o título do seu último traballo; e Grampoder co seu disco “GolfWhiskey”.

Mais non só haberá música. Saleta Chao explicou que a comisión organizadora quixo crear un espazo “que conxugue música, cultura, lecer, letras e ideas”. Neste senso, haberá exposicións, presentacións de libros, coloquios, artesanía, unha feira de asociacións e até actividades deportivas que irán dende unha exhibición de esgrima antiga e xogo de pau, un aberto de billarda ou un partido de fútbol gaélico, “que segue a sumar equipas e seareiras no noso país”, sinalou Chao. 

Comentarios