Rafa Cuiña xulga que o Partido Popular potencia a Beiras como unha estratexia para alicerzar a súa maioría absoluta.
A este asunto, o dirixente de Compromiso por Galicia dedícalle dous chíos. No primeiro di literalmente: "A estratexia do PP de potenciar a Beiras é evidente nas palabras de Feijoo. Sabe que garante a súa maioría absoluta. Senón xa veríades...". 7 minutos despois deste tuit, Cuíña engade: "E dito isto da estratexia do PP, que ninguén o interprete como un ataque a AGE. Eles fan o seu traballo independentemente das estratexias.
En Facebook tamén deita un comentario sobre o mesmo tema: "Feijoo non para de atacar directamente a Beiras e de dicir que este é o jefe de la oposición e que todos os da oposición hacen lo que quiere Beiras...".
De acordo coa súa interpretación, a estratexia do PP é "evidente" e conta coa colaboración de "algúns medios afíns". Actúa así o PP porque cre que potenciar a Beiras "garante as súas maiorías absolutas". Todo mudará "cando observen o máis mínimo perigo", daquela "veredes como vira o barco...", engade o político galeguista.
Cuíña asina ironicamente este post como "un que sabe como as gastan estes...", di en relación ao PP.