Racha o acordo PSOE-PSdeG sobre as primarias

Racha o acordo PSOE-PSdeG sobre as primarias. Ferraz pretende que só haxa unha votación e que os militantes, na mesma papeleta, voten a candidatura á secretaría xeral e a listaxe de delegad@s ao Congreso. O PSdeG defende, en troca, que se produzan votacións separadas. Pachi Vázquez mantén o pulso con Ferraz, o que apunta a que ten intención de candidatarse.

Pachi Vázquez, secretario xeral do PSdeG [Imaxe: Riobó Prada]
photo_camera Pachi Vázquez, secretario xeral do PSdeG [Imaxe: Riobó Prada]

Segundo fontes consultadas por Sermos Galiza, a ruptura do acordo viría determinada por unha diverxencia de pareceres na forma en que se debe vir a desenvolverse a consulta entre a militancia. Na executiva confederal realizada esta segunda feira en Madrid, desde a dirección do PSOE terían advogado polo desenvolvemento dunha única votación para elixir simultaneamente a Secretaría Xeral e @s delegad@s que participarán no Congreso do vindeiro 6 de xullo. 

Pola contra, o líder d@s socialistas Pachi Vázquez tería defendido a postura acordada "por amplísima maioría" no seo do PSdeG, isto é, a de que a consulta se substancie en dúas votacións distintas. Neste senso, fontes da organización socialista galega afirman que a proposta que levarán ao Comité nacional do partido --que terá lugar esta sexta feira-- será a que foi acordada orixinariamente en Galiza -a de dúas votacións separadas-, aínda que isto supoña aumentar a tensión entre a federación galega e Ferraz. 

"Galiza está determinada a facer a votación" nas condicións en que foi "aprobada por amplísima maioría", sentencian desde o PSdeG malia que o PSOE non avale a fórmula elixida. "As veces hai que tensar as cousas", engadiron.

O acordo acadado no seu día entre Pachi Vázquez e Alfredo Pérez Rubalcaba salta, por tanto, polos aires. O secretario xeral do PSdeG mantén o seu obxectivo de que "a militancia fale". Non é difícil interpretar detrás deste pulso a Ferraz o preanuncio de que o político de O Carballiño finalmente concorrerá como candidato á reelección.

Malia que o líder socialista non formalizou a súa candidatura, o presidente do PSdeG e alcalde de Lugo, Xosé López Orozco recomendou ao seu compañeiro de filas que "unha retirada a tempo é unha vitoria". O lugués pretendeu desta maneira disuadir ao do Carballiño dunha posíbel candidatura aínda que, puntualizou, o facía "nun plano persoal". Desta maneira o presidente d@s socialistas de Galiza uníase á vontade expresada polo coruñés Francisco Caamaño quen asegurou que "o máis conveniente" sería que Vázquez non optase á re-elección. 

López Orozco posicionouse así en favor da candidatura de Gómez Besteiro quen foi membro da súa equipa de goberno e actualmente ocupa a presidencia da Deputación de Lugo. Para Orozco, a concorrencia de Besteiro ás primarias do PSdeG demostra "que hai canteira" e agarda, di, que esta se reflicta o vindeiro 6 de xullo. 

Comentarios