"Quince días para tramitar a lei para cambiar un rei, nove meses para a Risga"

Se non se resolven antes, os expedientes da Risga aprobaríanse de maneira automática aos tres meses, por silencio administrativo. É o que reclamou o BNG no Parlamento nunha iniciativa presentada pola deputada Carme Adán.

Carme Adán
photo_camera Carme Adán

“En 15 días pode tramitarse unha lei para a substitución dun rei mais unha persoa que está a pasar necesidades ten que agardar oito meses para cobrar unha axuda de emerxencia”, dixo Carme Adán na súa defensa dunha iniciativa encamiñada a axilizar a xestión das solicitudes da Risga e das axudas de emerxencia. 

O PP, segundo a deputada, está tamén a recoñecer os atrasos e mesmo a súa concelleira en Silleda confirmou que había expedientes que tardaban nove meses en executarse. 

A situación límite cada vez chegan máis persoas e, por esta razón, a deputada nacionalista reclamoulle ao PP que dese “un paso adiante”, asumindo as medidas “factíbeis” recollidas na iniciativa que defendía. A máis relevante, que se aplique a lei que afecta aos expedientes e, unha vez pasados tres meses se resolvan afirmativamente por silencio administrativo. É dicir, que se concedan e se considere finalizado o proceso nun tempo máximo de tres meses. 

“O nivel de empobrecemento é tal que o goberno galego está obrigado a aumentar o orzamento porque é un crédito ampliábel”, reclamou tamén Carme Adán. 

O deputado de AGE, Juan Manuel Fajardo lembrou que mentres a cuestión se debatía no Parlamento, dúas novas familias estarían a solicitar a Risga. “Estas persoas recibirán o primeiro pago, con moita sorte, alá polo mes de marzo do 2015”, dixo e lamentou a “impasibidade” do PP diante destas situacións extremas. 

A portavoz popular, Marta Rodríguez recoñeceu que na tramitación estábanse a dar retrasos que dependen dos concellos e a Xunta. Adiantou que o seu grupo presentará unha emenda á moción do BNG para que a Xunta se dirixa os concellos para axilizar a tramitación.

Comentarios