Puy afirma que Feijóo non era amigo de Dorado, embora pasase a noite de Ano Novo con el en Cascais

Pedro Puy, portavoz do grupo parlamentar do PP, reafirmou esta mañá a tese de que Feijóo non coñecía as actividades delictivas de Marcial Dorado e de que mesmo non eran amigos. "O presidente era amigo dun amigo" de Dorado, dixo Puy na Cadena Ser. Se iso é así, como se explica que Feijóo pasase a noite de Ano Novo con el en Cascais? Puy non deu ningunha explicación a ese respeito.

Feijóo coincidía con Dorado, non estaba con Dorado. A súa amizade non era nen estreita nen ancha. Simplesmente non eran amigos. Esa é a nova versión do aparato de Monte Pío. Coincidía con Dorado porque tiñan un común amigo. Manuel Cruz. Chófer de conselleiros. Chófer de Romay Beccaría, o padriño político de Feijóo. E alén do máis, testaferro dos negocios do narcotraficante.

O problema é que a versión de Puy bate coa expresada hoxe mesmo por Feijóo na entrevista de El Mundo. Ao rotativo español Feijóo díxolle que cando gozaba do tempo de lecer con Dorado este "non tiña ningunha condena". Iso non é o mesmo que dicer que non sabía a que se dedicaba, que é o que vén a soster agora o portavoz do grupo parlamentar.

Na súa tentativa de despexar balóns fóra, Puy inseriu a publicación das fotografías nunha campaña de desacreditación do réxime político consagrado na Constitución de 1978. Hai unha campaña contra a democracia e as fotos explícanse de acordo con esa lóxica, defendeu o portavoz conservador.

Do mesmo xeito que o seu chefe político, Puy deitou insinuacións, porén non lle puxo nomes e apelidos ás súas acusacións. A pergunta de quen amedoña a Feijóo e por que continú sen resposta.

Comentarios