Feijóo comparece hoxe ante os meios após se saber que Rajoy cobrou 1,5 millóns en sobresoldos

Nova comparecencia de Feijóo perante os meios en pleno escándalo sobre o financiamento do PP. O presidente da Xunta comparecerá hoxe ante a imprensa, como todas as quintas feiras após a reunión do consello, e farao despois de se coñecer que a acusación popular estima en máis de 23 millóns de euros os sobresoldos percibidos pola cúpula directiva do PP entre 1990 e 2011.

Alberto Núñez Feijóo
photo_camera Alberto Núñez Feijóo

Até o de agora, Feijóo ten practicado o máis puro escapismo político en relación ao caso Bárcenas, o tesoureiro do partido promovido como tal por Manuel Fraga e ascendido até chegar a cúpula da dirección xerencial do partido por Mariano Rajoy. A escusa favorita de Feijóo ten sido a de afirmar que nos anos 90, cando Pablo Crespo regaba as arcas do PP español desde Galiza, el non militaba no partido. Crespo foi secretario de Organización do PP galego, con Fraga como chefe da direita galega. Mais foi algo máis do que iso: sentouse no consello de administración de Portos de Galiza como representante da Xunta, en concreto da consellaría de Política Territorial da que Feijóo foi titular. O agora presidente da Xunta non o cesou no seu cargo. Quen o fixo foi o goberno de coligación formado por PSdeG-PSOE e BNG.

Agora o caso Bárcenas comeza a adoptar forma de caso Rajoy. A Asociación de Abogados Demócratas por Europa, entidade que exerce a acusación particular, apunta directamente o presidente do PP e do goberno español. Acúsano de ser o dirixente que ficou coa parte do león dos sobresoldos pagos por Bárcenas. En concreto, percibiu 1,5 millóns de euros procedentes da contabilidade secreta do tesoureiro que amasou unha fortuna persoal -todo apunta a que ilícita, todo apunta a que proveniente de mordidas do PP a empresarios da construción- estimada en máis de 40 millóns de euros.

Agora o caso Bárcenas comeza a adoptar forma de caso Rajoy

O que a AADE quer saber, e nese sentido se ten dirixido ao xuíz instrutor do caso, é se Rajoy declarou ou non a Facenda ese 1,5 millóns de euros. Alén das eventuais responsabilidades xudiciais que puidesen decorrer do caso, é obvio que no plano político o presidente do goberno español ficaría inhabilitado de se probar que ese diñeiro era diñeiro negro, diñeiro procedente dos sumidores aos que pretensamente recorría o PP para financiar as súas campañas eleitorais.

Presumibelmente, as cuestións que a imprensa realice a Feijóo na súa comparecencia non só versarán sobre este tema. O presidente da Xunta terá de esclarecer se partilla a decisión de limitar o alcance da comisión de investigación das caixas -con documentación moi relevante que até o Banco de España nega ao Parlamento de Galiza.

Comentarios