Moi concorridas as concentracións da Iniciativa Galega pola Gratuidade da Sanidade Pública

Algunhas pola mañá e outras á noitiña, as portas dos principais hospitais do país foron os lugares de concentración da Iniciativa Galega pola Gratuidade da Sanidade Pública. Milleiros de persoas participaron nestas mobilizacións para reclamar unha sanidade pública, universal e gratuita e mostrar o rexeitamento do repagamento dos medicamentos. 

No Hula en Lugo
photo_camera No Hula en Lugo

O Hospital Clínico de Santiago, o Arquitecto Marcide de Ferrol, a Dirección Provincial do SERGAS na Coruña, o Hospital do Salnés en Vilagarcía, o Provincial de Pontevedra, o Xeral de Vigo, o Chuo de Ourense, o Hula de Lugo, o Hospital da Costa de Burela, o Barbanza de Ribeira ou a Praza de España de Monforte foron os espazos nos que nesta sexta feira decorreron as concentracións promovidas pola Iniciativa Galega pola Gratuidade da Sanidade Pública que lograron convocar milleiros de persoas contra os recortes na saúde. A campaña responde ao lema “O repago mata. Nin unha persoa morta por falta de recursos. Por unha sanidade galega pública e gratuíta”.

Colectivos sanitarios, colexios profesionais do sector, forzas políticas e sindicatos apoian esta plataforma que defende o dereito a unha sanidade pública, universal e gratuíta e quenta motores cara á manifestación nacional convocada para o próximo 17 de novembro en Santiago con saída ás 12:00 da Alameda. A campaña busca mobilizar a sociedade para defender o dereito á saúde e en contra da resolución gubernamental que impón o repagamento dos tratamentos que se fornecen nos centros hospitalarios. 

A Iniciativa convoca unha manifestación nacional o 17 de novembro en Santiago

A Iniciativa Galega pola Gratuidade da Sanidade Pública está a difundir e promover un manifesto que xa apoiaron distintos colectivos, organizacións políticas e sindicais e colexios profesionais co título “Pola universalidade da sanidade. Nin unha soa persoa morta por falta de recursos” no que se acusa o Goberno do Estado de ter atravesado “todas as liñas vermellas da sanidade” tras a resolución do copagamento de medicinas dispensadas en centros hospitalarios. 

“Non imos dar por bo unha resolución que deixa fóra do dereito a saúde a homes e mulleres en función do seu poder adquisitivo, que non se xustifica mesmo desde a perspectiva do aforro para os orzamentos públicos, que non garante que a sanidade en Galiza vaia continuar a ser universal e gratuíta”, sinalan. Instan o presidente da Xunta a que paralice a entrada en vigor da resolución aprobada polo goberno central e demandan do Goberno do Estado a súa derrogación.

Comentarios