A policía levanta pola forza a “Acampada Dignidade” en Vigo antes da chegada dun novo cruceiro

Corpos policiais levantaron á forza ás 6 da madrugada a “Acampada Dignidade” que reclamaba a axilización das axudas sociais da emerxencia, segundo informa Vigodixital. 

Acampada en Vigo
photo_camera Acampada en Vigo

Pouco antes de chegar a porto o Independence of the Seas, un novo cruceiro de grandes dimensións que recala en Vigo, por volta das 6 da mañá, forzas antidisturbios desaloxaban a “Acampada Dignidade”, promovida pola Asemblea de Movementos Sociais para reclamar a resolución das axudas de emerxencia social da Xunta e Concello, segundo informa o xornal Vigodixital. 

O dispositivo policial estivo composto por cinco furgonetas e ducias de policía que identificaron e reteron ás persoas que durmían a tal hora nas tendas de campaña na rúa Montero Ríos, nos arredores da Xunta. Pouco despois, os servizos de limpeza municipal eliminaron a pegada da acampada, xusto antes de que o cruceiro atracara no porto, próximo á zona ás nove da mañá. 

Como recolle o xornal dixital da cidade, a RSP, integrante da Asemblea de Movementos Sociais, acusaron o desaloxo da vontade de “ocultar a situación de extrema necesidade e precariedade que viven milleiros de familias”. A tarde anterior, a Acampada decidira en asemblea continuar coa campaña de denuncia e axitación social, alén de iniciar a recollida de sinaturas de apoio ao seu manifesto e convocar unha mobilización para a segunda quincena de outubro. 

Comentarios