Poio realiza unha experiencia pioneira en tratar as doenzas das mariscadoras

O Concello levou a cabo un traballo pioneiro co sector após unhas charlas realizadas en maio de 2012. Agora comezará un programa específico aberto a estas traballadoras.
Mariscadoras traballando
photo_camera Mariscadoras traballando

Poio conta cun número importante de mariscadoras no seu municipio. É un traballo duro que exixe un bon estado físico que ás veces non se ten. O ano pasado, recollendo as inquedanzas deste sector, a Concellaría de Deportes realizou unha serie de charlas a partir das achegas das propias traballadoras.

O fisioterapeuta Jesús Aboal Quintas impartiu unha xornada teórica na que presentou un estudo realizado na UDC coas patoloxías máis frecuentes. "Tivemos a oportunidade de comentar coas mariscadoras eses datos e elas achegar outros novos", comenta a Sermos Galiza Jesús Aboal, "non só no que trata o propio traballo no mar, senón tamén o carrexo de varios quilos que se realiza logo".

Segundo datos do propio sector, un 80% non traballa por doenzas creadas a partir do seu traballo

Marga Caldas, concelleira de deportes de Poio, considerou a actividade de moita importancia, polo que se fixo un seguimento dos resultados todos estes meses. "Quixemos dar resposta aos problemas que teñen e nada mellor que tratar este tipo de doenzas", asegura, "polo que pensamos en seguir en contacto coas confrarías e con especialistas profesionais". Segundo dados do propio sector, un 80% non traballa por doenzas que son produto do seu traballo.

Agora o concello comeza esta mesma semana unha actividade na que poderán participar até oito mariscadoras ás que se lles aplicarán tratamentos para mellorar a súa calidade de vida. Serán clases físicas que realizarán co apoio dun especialista. "Pensamos que o mellor era que as propias mariscadoras complementaran o traballo físico co terapéutico", indica a concelleira de Deportes.

"Tentamos que as mariscadoras melloren as súas condicións de traballo no aspecto físico", afirma Jesús Aboal, "mirando que realicen os esforzos mínimos e repartindo mellor o tempo que dedican a cada parte das súas actividades". Segundo o fisioterapeuta, as doenzas non se superan na súa totalidade, mais as melloras poden chegar a ser importantes.

Comentarios