O Tribunal Supremo vén de desestimar a apelación de Reganosa contra a sentenza que anulaba a modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Mugardos, emitida polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza o 22 de abril de 2008. Dito PXOM serviu de base para a licenza de obras da planta de gas.
Desde o Comité Cidadán de Emerxencia da Ría de Ferrol, Humberto Fidalgo afirma que "é unha planta ilegal e innecesaria, e desde hoxe non pode funcionar nin un día máis". Este colectivo leva máis de once anos queixándose da ubicación da planta, no interior da ría, por non respectar a distancia mínima respecto dos núcleos de poboación. Aseguran que hai vivendas a escasos cen metros da transformadora de gas, e que o casco urbano está a menos de medio quilómetro.
O Concello muda o PXOM para acatar as exixencias ambientais
O Supremo é o último órgano de apelación, polo que esta resolución pon punto e final a un proceso xudicial que durou oito anos. Aínda así, o que se anula é a modificación do PXOM feina no 2003 polo Concello, co PSOE no Goberno. Coa chegada do BNG, Xosé Fernández Barcia iniciou os trámites para mudar novamente a norma urbanística, de xeito que a planta de gas respectase a normativa ambiental, para cumprir co plano estatal de ampliación de produción e para aprobar medidas de control de riscos de accidentes graves no entorno da planta. "Nós acollémonos ao que a Xunta tiña feito en materia de efectos ambientais", sinalou o rexedor mugardés.
Desde o Comité Cidadán, Fidalgo falou dese cambio, mais atribuiuno a que "no Concello sabían que a sentenza ía ser favorábel ás nosas reivindicacións", pois xa o TSXG anticipara o sentido da resolución antes de que Reganosa recorrera ante o Supremo. Respecto do PXOM do ano 2003, a regasificadora estaría levantaba nunha zona "excluída da construción".
A modificación puntual acometida polo Goberno do BNG --tras a sentenza do Superior galego-- solventou tal situación, e "tras as demandas das organizacións ecoloxistas e dalgunhas formacións políticas fíxose unha nova resolución na que se recollen todos os informes que exixe a Lei de 2009", apuntou Fernández Barcia, na liña de que calquera modificación feita nun Plan Xeral contemple unha declaración de impacto ambiental.
''Coa situación a día de hoxe a planta é ilegal''
Finalmente, a última versión do PXOM de Mugardos --Modificación Puntual para a adecuación de usos de regasificación no solo industrial de Punta Promontoiro-- foi aprobada nun pleno municipal realizado o 19 de abril de 2012 "pola maioría das forzas políticas", segundo o alcalde, ao contar cos votos a favor de PP, PSOE e BNG. Só Esquerda Unida se posicionou en contra. Mais as modificacións introducidas fican pendentes de ser ratificadas polo Consello da Xunta. "Non están en vigor, e coa situación a día de hoxe a planta é ilegal", insistíu o Comité Cidadán, mentres desde o Goberno local Fernández Barcia fixo fincapé en que a normativa urbanística, unha vez avalada na Xunta, acataría xa as esixencias da Lei do 2009 en materia ambiental.
Humberto Fidalgo anunciou que o Comité dará unha rolda de prensa a semana que vén para informar da repercusión desta sentenza. Mais adiantou que, a partir do mes de xuño, Reganosa "terá que paralizarse" doce horas ao día por falta de carga de traballo, "e iso demostra que é innecesaria". Alén disto, quéixase de que "cobra unha retribución de 58 millóns de euros que pagamos [email protected], e que supón un sobrecusto na tarifa do gas". A Xunta de Galiza é a segunda accionista na regasificadora, por detrás do Grupo Tojeiro.