"TODO é UN INVENTO", AFIRMA BIEITO LOBEIRA

Tres militantes do BNG, acusados pola policía polas mobilizacións contra Merkel

Rubén Cela, Paulo Carballada e Alfonso Losada foron denunciados pola policía por teren incorrido en presuntos delitos na concentración contra a presenza de Merkel en Santiago de Compostela decorrida o pasado 25 de Agosto. "Todo é un invento", manifestou a Sermos Galiza o secretario de Organización do BNG, Bieito Lobeira.

MERKEL4
photo_camera Cargas policiais durante a concentración

As acusacións da policía atinxen 3 militantes do BNG, entre eles o candidato da formación frentista á Alcaldía de Santiago de Compostela, Rubén Cela, quen revelou o asunto no seu perfil de Facebook.

Após a denuncia interposta pola policía, un xuíz decidiu abrir dilixencias. Os cargos son graves e, entre eles, chama poderosamente a atención o que se presenta contra Paulo Carballada, responsábel comarcal do BNG na Coruña, ao que se acusa por ter arrebatado a pistola a un axente.

Losada, do BNG de Guitiriz, tería inflixido unha ferida a outro policía, de acordo coa versión do corpo armado. O BNG nega os feitos. "Son un invento. Non teñen probas", dixo a Sermos Galiza o secretario de Organización, Bieito Lobeira.

O 25 de Agosto, tal e como testemuñan as fotos que ilustran esta información, a policía cargou con brutalidade contra militantes e simpatizantes nacionalistas que secundaron a concentración convocada polo BNG contra a troika e contra a presenza en Santiago de Angela Merkel, acompañada por Mariano Rajoy.

AMPLIAREMOS A INFORMACIÓN NO TRANSCURSO DA TARDE.

Comentarios