Marta Rivera tomou partido pola familia propietaria no conflito coa anciá coruñesa Aurelia Rey

Nun artigo de opinión ao redor do conflito coa anciá coruñesa a quen querían desafiuzar, publicado en De Luns a Venres e El Progreso, a finalista nunha ocasión do Premio Planeta, escollida pola Xunta para homenaxear Rosalía, defendeu que a dona da morada "ten todo o dereito do mundo a obter un aluguer en condicións".

Seguidora de programas de televisión como "Splash Famosos al agua", a escritora lucense convidada pola Xunta na homenaxe a Rosalía dálle a todo. Hai uns días publicaba a súa opinión sobre o caso de Aurelia Rey, a coruñesa de 85 anos que quixeron despexar polo retraso no abonamento dun mes de alugueiro que logo pagou. A muller sobrevivía cunha pensión non contributiva de 375 euros e pagaba 165 polo piso.

"Que todos os que cren que Aurelia ten dereito a vivir onde máis lle pete fagan un bote para alugarlle a prezo de mercado un piso na mesma praza de Lugo"

Após o remate do caso, Marta Rivera publicaba un artigo de opinión no que chegaba a defender a posición d@ propietari@. "Aurelia –anciá e pobre– paga unha renda ridícula por un piso no centro da Coruña", aponta, "como é lóxico, o propietario da vivenda desexa que se vaia". Sen ter en conta que a propiedade é da acaudalada familia Pereira, afirmaba: "Non teño nin idea de quen é o dono do piso de Aurelia, pero sei que é alguén que ten todo o dereito do mundo a obter pola súa casa un aluguer en condicións".

Aurelia interesada

No artigo, a escritora lucense lembraba a "solución" da administración, un piso protexido "pero Aurelia dixo que nones: “Eu non quero vivir nun piso pequeno”. E aí está o quid da cuestión: que esta señora –de 85 anos, si, e cunha pensión indignantemente baixa– prefire vivir no centro e nunha casa grande. Como vostede, como eu e como todo fillo de veciño". Marta Rivera botou man da lexislación para afirmar que "a Constitución recoñece o dereito á vivenda, pero non a ter un piso nunha boa zona". Remata o artigo do lado da familia propietaria e en ton de humor propón "que todos os que cren que Aurelia ten dereito a vivir onde máis lle pete fagan un bote para alugarlle a prezo de mercado un piso na mesma praza de Lugo".

Comentarios