Os lumes arrasaron nun mes case mil hectáreas de monte, a metade que en todo 2014

Dende que o 10 de marzo rexistrara o primeiro incendio do ano, Galiza non deixou de arder. O máis importante queimou 350 hectáreas en Ponteareas.

Un helicóptero antiincendios nunha imaxe de arquivo (Foto: Nós Diario).
photo_camera helicóptero anti incendio


Un mes de lumes case ininterrompidos. Os incendios forestais arrasaron xa no que vai de ano cerca de mil hectáreas na Galiza, unha superficie de terreo equivalente á metade da que ardeu en 2014. 

Dende que o 10 de marzo rexistrara o primeiro lume do curso na localidade de Carballeda de Valdeorras, ao pé de Pena Trevinca, o monte galego non deixou de prender antes do inicio da primavera.

A falta de persoal de extinción, a meteoroloxía adversa e as queimas descontroladas sitúanse de novo como as principais causas. De feito, os incendios de maior magnitude rexistrados durante estas semanas tiveron varios focos.

A falta de persoal de extinción, a meteoroloxía adversa e as queimas descontroladas sitúanse de novo como as principais causas

O máis importante aconteceu en Ponteareas, onde arderon 350 hectáreas. A Xunta tivo que pedir a intervención da Unidade Militar de Emerxencias (UME) para controlalo. 

Tamén cobraron a primeira vítima mortal. Un veciño de 63 anos da vila coruñesa de Trazo faleceu nas proximidades dun incendio declarado en Santiago. O último lume foi controlado este sábado en Ourol, após arrasar 35 hectáreas.

A CIG esixe o 100% do persoal

“A Consellería do Medio Rural, que ten a competencia en materia de prevención e extinción de incendios, ten a obriga de evitar que os montes sufran a lacra do lume, para o cal necesítase que o operativo teña o cen por cen dos seus recursos”, asegura a CIG nun comunicado.

A central sindical pediu á Xunta que tome medidas ante “a situación extremadamente perigosa” que se espera polas altas temperaturas. Sinala que hai centos de prazas valeiras no servizo de extinción que non foron cubertas.

A metade de hectáreas que en 2014

En menos dun mes, a superficie queimada equivale a metade de hectáreas que arderon o pasado ano (2.000 segundo cifras oficiais). 2014 foi un ano bo en comparación cos anteriores. En 2013 prenderon máis de 19.000 hectáreas, aínda que lonxe das 96.000 de 2006, o peor ano da década.

Malia que o número de incendios segue á baixa no rexistro histórico, a tendencia augura que este será un curso difícil. Haberá que agardar até despois do período estival para coñecer as cifras definitivas.
 

Comentarios