O Deportivo contratou Domingos escasos días antes de formalmente solicitar o concurso de acreedores. Unha vez que suspenda pagamentos, Lendoiro podería non ter as mans libres para asinar a un novo técnico (o clube estaría intervido e tería que pedir autorización xudicial). A débeda do Deportivo sitúase arredor dos 100 millóns de euros. Ninguén dubida na cidade que un descenso de categoría significaría algo máis que unha perda deportiva: colocaría ao clube á beira da desaparición (como desapareceron no seu día entidades como o Málaga, o Murcia ou o Oviedo, que se refundaron e reapareceron baixo outras denominacións).
La Voz desenfunda contra Lendoiro
O principal ariete contra Lendoiro -o grupo de comunicación La Voz de Galicia- non demorou nada en desenfundar onte contra o máximo dirixente do clube branquiazul. Na súa edición dixital, titulaba: "Lendoiro cesa a Oltra, mais elude as súas responsabilidades". O rotativo de Santiago Rey persegue obsesivamente a Lendoiro desde hai anos, desde que o presidente do Deportivo lideraba ao PP na oposición contra Francisco Vázquez, o ex embaixador do Vaticano que agora flirtea cos postulados centralistas e dereitosos de UPyD. É ben curioso que se acuse a Lendoiro de eludir as súas responsabilidades xusto no mesmo día en que as exerce -ao cesar o treinador Oltra e contratar o seu substituto-. Cousa distinta é que desta vez acertase.
"Quero fazer máis e melhor"
Domingos xa foi apresentado esta mañá á imprensa coruñesa, nun acto multitudinario coa presenza de muitos meios vindos de Portugal. Na súa primeira comparecencia perante @s xornalist@s como novo treinador do Deportivo, afirmou: "Quero fazer máis e melhor", ao tempo que engadiu que "chego com muita ambição para tentar fazer aquilo que todos desejam, que é fazer mais e melhor do que a equipa conseguiu até a este momento. O importante é que o Depor consiga manter-se na Liga e, para isso, deve haver compromisso por parte de todos os envolvidos. É um trabalho duro e difícil, mas do qual gosto».
Chego com muita ambição para tentar fazer aquilo que todos desejam, que é fazer mais e melhor do que a equipa conseguiu até a este momento.
Chamou moito a atención que Domingos -cuxo maior suceso profisional até o de agora foi levar ao Sporting Braga á Champions League primeiro e ao subcampionato na Europe League despois- se esforzase por asegurar que non ten ningún vínculo con Jorge Mendes, o todopoderoso axente de futbolistas portugués que leva fornecido dunha chea deles ao Deportivo nos últimos tempos.