A Iniciativa Galega pola Memoria pedirá en Montecubeiro a derrogación da Lei de Amnistía do 77

Desagravio e homenaxe ás vítimas, condena da impunidade e derrogación da Lei de Aministía do 77 e protesta contra a apoloxía do franquismo. Son os tres eixos do acto que o próximo día 13 de outubro a Iniciativa Galega pola Memoria organiza en Montecubeiro, escenario dunha das masacres do 36. 

Penedo de Montecubeiro
photo_camera Penedo de Montecubeiro

En Montecubeiro, no concello de Castroverde, terá lugar o domingo día 13 ás 12.30 da mañá o acto nacional de homenaxe e dignificación das vítimas do franquismo que organiza a Iniciativa Galega pola Memoria, ao pé do monolito no que se lembran ás 15 persoas asasinadas en 1936. 

A IGM organiza este acto “diante das repetidas actuacións de apoloxía e enaltecemento do franquismo ocorridas nos últimos tempos” que, ao seu ver, son consecuencia da Lei de Amnistía do ano 1977  “que pon no mesmo nivel a vítimas e a verdugos” e permite que que manifestacións como as dos alcaldes de Baralla ou Beade queden impunes. Piden, por iso, a derrogación da lei e a condena dos actos de enaltecemento do franquismo. 

No acto de Montecubeiro intervirán o alcalde de Castroverde, Xosé María Arias, o representante da área d Turismo e Cultura da Deputación de Lugo, Mario Outeiro, o presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro e o escritor e profesor Claudio Rodríguez Fer como representante da Iniciativa Galega pola Memoria. O ex-director da Unesco e presidente da Fundación Cultura de Paz, Federico Mayor Zaragoza pechará o turno de intervencións nun acto que contará tamén coa voz e a música de Mercedes Peón.

Comentarios