Guillerme agoira que da Asemblea do domingo “sairá un BNG reorientado e capaz de conquistar o futuro”

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, agarda que a Asemblea Nacional deste 17M represente un “ponto de inflexión” para a formación nacionalista. “Non un punto e seguido, senón un punto e aparte para a nosa organización” que poría o ramo a un “un proceso intenso e amplo de reflexión e debate” do que, agoira, “sairá un BNG reorientado, capaz de gañar confianza social para conquistar o futuro hoxe negado”.
Guillerme Vázquez
photo_camera Guillerme Vázquez


Guillerme pronúnciase nestes termos nun artigo da súa autoría que viu a luz no número 39 do semanario Sermos Galiza, so o título de Conquistando o Futuro.

Nesta Asemblea Nacional Guillerme, tal e como anunciou após as eleccións de Outubro, non concorre á portavocía nacional. Aliás, si o fai como candidato a se incorporar ao Consello Nacional, ao ir fechando a listaxe de 50 persoas que encabeza Xavier Vence, o catedrático de Estrutura Económica da USC que este domingo asumirá o liderado do BNG.

Na súa achega ás páxinas de Opinión de Sermos Galiza, Guillerme afirma que o BNG non debe ter “medo a voar” e “con perfil propio” debe ser consciente de que “non hai camiño doado nen sen tropezos, mais hai camiño”.

As persoas que non confían no pobo galego optarán pola rendición, a acomodación ou por buscar acubillo baixo paraugas emprestados

Para o aínda portavoz nacional do BNG [cargo que asumiu por vez primeira en Maio de 2009 e revalidou en Xaneiro de 2012], atravesamos tempos ben difíceis que exixen do nacionalismo “firmeza” para non caír na confusión “política e ideolóxica”.

Desa confusión política e ideolóxica, argüe, non é inmune o propio “campo nacionalista” [entre aspas no orixinal]. “Como en outros tempos de crise, quen non confían no pobo galego optarán pola rendición, a acomodación ou buscar acubillo baixo paraugas emprestados”.

A íntegra deste artigo tela dispoñíbel no número 39 do Sermos Galiza en papel, xa nos quiosques do país.


Comentarios