GpS evoca o Banquete de Conxo: 158 anos despois, as arelas de emancipación continúan vixentes

A iniciativa social Galiza pola Soberanía realizou un xantar popular de confraternidade no mesmo lugar que o decorrido en 1856, coa lembranza das reivindicacións que se perseguían hai 158 anos e a homenaxe aos seus protagonistas. 

GPS
photo_camera GPS

No mesmo lugar de Compostela en que hai 158 anos se realizaba a xuntanza que pasou á nosa historia como Banquete de Conxo, GpS en Compostela desenvolveu este domingo un xantar de confraternidade e homenaxe a quen participou naquel episodio histórico. Representantes de movementos sociais e persoas que promoven e apoian GpS xuntáronse na carballeira do barrio de Conxo para partillar un xantar cun acto no que se lle deu voz a representantes de diversos colectivos sociais. 

Despois de Óscar Valadares dar conta da historia do banquete convocado hai 158 anos tomaron a palabra Neal Baxter, pola Asociación Cultural O Galo, Paula Ríos, do movemento feminista, Pepe Palacios, do colectivo de afectad@s polas Preferentes en Compostela, Fernando Montaos, estudante de Agir, e Anxo Noceda, secretario-comarcal da CIG en Compostela. 

Memoria nacional galega

Como un “xesto colectivo de reivindicación da memoria nacional galega”, entende GpS de Compostela a conmemoración dunha data de especial significado na historia da clase obreira e o nacionalismo galego. 

Como agora, a Galiza daquel tempo padecía unha etapa de crise e ao mesmo tempo de reivindicación, en especial da man do provincialismo que denunciaba a colonización de Galiza e o centralismo da Corte española, con protagonistas como Antolín Faraldo, para entón, xa fuxido en Portugal despois do levantamento que rematou co fusilamento de Carral. 

O xantar convocárase como un encontro entre estudantes e obreiros e foi obxecto de persecución por parte quer das autoridades civís quer das relixiosas. Os estudantes eran os que servían aos traballadores nun encontro que rematou cun fraternal abrazo colectivo. Ao longo de todo o xantar, grupos de soldados rodeaban a carballeira de Conxo onde se sentiron as voces de Aurelio Aguirre ou Eduardo Pondal. O Banquete de Conxo deveu nunha das datas de referencia da historia do nacionalismo galego, agora reivindicado en forma de homenaxe por GpS. 

Comentarios