Feijóo, sobre quen foi o seu amigo: "Souben que o involucraran en casos de contrabando, mais sempre saiu inocente"

O presidente da Xunta entrou en directo o domingo no informativo 'Crónica das dúas', da Radio Galega, para ofrecer a súa versión das fotografías co contrabandista Marcial Dorado -publicadas por 'El País'- e recalcar que "se alguén me relaciona de maneira insidiosa cunha actividade ilegal, defenderei a miña honra"

 

photo_camera [Imaxe tirada de 'El País']


Unha entrevista que durou por volta de tres minutos e con preguntas amábeis redactadas para o presidente da Xunta se explicar a vontade, o informativo da Radio Galega 'Crónica das dúas' conectou en directo con Alberto Núñez Feijóo para que este ofrecese a súa versión das fotografías nas que aparece retratado na compaña do contrabandista Marcial Dorado.

"Cando mo presentaron non sabía quen era. Despois fun sabendo que fora involucrado nalgún caso de contrabando, mais sempre saiu inocente. Cando souben que tiña causas pendentes rachei a relación", sinalou Feijóo. Na data en que se tomaron as fotografías, en 1995, Dorado fora detido xa en dúas ocasións: en 1983 e 1995. Nunca foi a xuízo até outubro de 2003, cando foi condenado a 14 anos de cárcere por narcotráfico. 

O presidente da Xunta insistiu unha e outra vez nun extremo arquirrepetido en todos os adiantos informativos da radio nacional galega: que as imaxes "son de hai 20 anos" e que coñeceu Marcial Dorado "a través dun amigo na Xunta". O amigo na Xunta era o testaferro de Dorado, Manuel Cruz. Antes de concluír sinalando que "se alguén me relaciona de maneira insidiosa cunha actividade ilegal, defenderei a miña honra", o presidente do Goberno galego dixo non saber "por que se publican agora" e apuxo a súa amizade con Dorado a "unha casualidade". 

A oposición reacciona: "Galiza non merece un presidente con esas relacións"

As forzas políticas con representación parlamentar BNG e AGE non tardaron en valorar as imaxes de Feijóo a bordo do barco propiedade do contrabandista Dorado. O voceiro nacional da formación frontista, Xavier Vence, sinalou que "Galiza non merece un presidente con este tipo de relacións". Recordou as imaxes do ex vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, no iate do construtor Jacinto Rey, que o PP filtrou en plena campaña electoral de 2009 e polas que tanto Mariano Rajoy como Núñez Feijóo chegaron a pedir a demisión do nacionalista. "Debemos facer o mesmo agora", recalcou Vence.

O nacionalista adiantou que o BNG analizará polo miúdo as imaxes e a información publicada polo diario español. Reclamarán unha comparecencia "urxente" de Feijóo no Parlamento para que ofreza "unha explicación detallada e convincente", se ben apurou a deixar claro que neste caso "a demisión cabe con moita máis razón (que no de Anxo Quintana) pois trátase de fotos dun alto cargo da Xunta cunha persoa cuxa inmersión en procesos xudiciais por temas de contrabando era de dominio público".

A comparecencia de Feijóo na Cámara galega tamén vai reclamala AGE. Adiantouno este domingo a súa vicevoceira, Yolanda Díaz, após coñecer as imaxes "cun capo da mafia galega". Dixo Díaz que "en países serios, por cousas moito menores demitiron cargos de máxima responsabilidade". Tamén AGE colocou riba da mesa a "dobre vara de medir" do PP en relación ás fotos de Quintana no iate de Jacinto Rey polas que @s conservador@s pediron o cesamento do daquela vicepresidente do Goberno galego. 

Yolanda Díaz rexeitou que o PP filtrase daquela as fotos, véndose mergullado "nunha campaña de difamación propia da extrema dereita e do fascismo, daquilo de que unha mentira repetida mil veces acaba sendo verdade" namentres Feijóo se ve agora "nunha relación inxustificábel". Por último, cómpre sinalar que o secretario xeral do PSdG-PSOE, Pachi Vázquez, foi entrevistado este mediodía na Radio Galega. Non houbo ningunha pregunta referida ás polémicas imaxes.

Con todo, si se pronunciou ao respecto o voceiro parlamentar desta formación política, Abel Losada. "No ano 95 o único galego que non sabía que Dorado estaba vinculado ao contrabando e ao narcotráfico era Feijóo", ironizou, antes de exixir tamén a comparecencia do presidente da Xunta no Parlamento, advertindo de que, de non acceder a esta petición unánime da oposición, desde o PSdG reclamarán a súa demisión.

Losada cualificou as explicación dadas até o de agora por Feijóo de "exculpatorias e nada concretas, dada a gravidade da situación" e recordou tamén "a inxusta campaña contra o goberno bipartito". Lembrou a advertencia guindada daquela pol@s conservador@s a Quintana na liña de que "un gobernante ten que ter moito coidado de con quen sae nas fotos". A afirmación, valorou Losada, "agora fala por si propia".

A información das fotografías na imprensa galega

Nin La Voz de Galicia, nin El Progreso, nin Diario de Pontevedra publican información algunha nos seus portais dixitais referida ás imaxes de Feijóo en compaña de Marcial Dorado. Si o fan La Opinión, El Correo Gallego e Faro de Vigo, que recollen o comunicado oficial asinado polo presidente do Goberno galego este domingo de madrugada, cando a capa de El País empezou a se mover na rede. Porén, non reproducen as fotos do diario español.

Comentarios